A CIG-Autonómica denuncia que o persoal do parque das Illas Atlánticas traballa sen regulación
O persoal empregado público do Parque Nacional das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente, que realiza as funcións de vixilancia, control e xestión, está pendente dunha regulación das súas condicións de traballo dende o ano 2008, cando fora transferido do Estado a Galiza.
Segundo denuncia a CIG-Autonómica, as condicións de traballo do persoal neste parque nacional, o único e de grande importancia para Galiza, son de extrema penosidade, pola dispoñibilidade absoluta e a singularidade das condicións laborais e as horas de traballo sen retribuír (máis do dobre do máximo legal).
Extrema penosidade
Dende o 2002, hai case 20 anos, non hai relación de postos de traballo (RPT), unicamente unha parcial de persoal funcionario, o que ademais de dar opacidade á xestión do persoal provoca graves discriminacións salariais entre o persoal funcionario e laboral e entre o persoal de terra e illas. Diferencias que acadan os 300 euros penalizando e precarizando máis o traballo nas illas.
Illamento de 24 horas durante 7 días
Directamente relacionada coas condicións laborais singulares son as vinculadas á necesidade da permanencia nas illas durante unha semana completa, 7 días e 24h.
Con situación de soidade e insularidade extrema (Cortegada, Sálvora, Ons..); colchóns compartidos e en malas condicións; falla de intimidade nos tempos de descanso (nalgunhas illas nas que se comparte vivenda e cama quente); falla de auga potable; frío, humidades e filtracións graves nas vivendas; instalacións de luz e gas sen revisar e un longo etc., todas son realidades pouco compatibles coa idea de traballar nun paraíso natural.
Con isto, é evidente que as condicións son penosas e de risco laboral extremo. “Se alguén sofre un accidente está só, se cae por un cantil nada se vai saber, un enfrontamento co furtivismo, nada se vai saber e mesmo se cae dentro da vivenda nin sequera se vai recoñecer o accidente como laboral. As avaliacións de riscos laborais están obsoletas despois de anos agochadas; dez anos sen cumprir as medidas correctoras, son papel mollado. Non se cumpre nada das medidas que tantos anos custou conseguir”, denucia a CIG-Autonómica.
Tanto a conselleira de Medio Ambiente como o director xeral da Función Pública, son coñecedores dende fai anos “desta vergoñenta situación de abuso laboral, e a pesares das reclamacións do persoas e da presión sindical, evitan afrontar o problema e negociar unhas condicións laborais xustas que resolvan a singularidade de traballar nestes espazos”, afirman.