A CIG-Autonómica alerta que a falta de protocolos en Medio Ambiente pon a Galiza en risco real ante a Peste Porcina Africana

Nacional - 05 Dec 2025

A CIG-Autonómica presentou un escrito á presidenta do Comité de Seguridade e Saúde Laboral no que denuncia que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático carece de protocolos claros, formación actualizada e medidas de bioseguridade para a manipulación, traslado e almacenamento de fauna salvaxe morta, pese ao risco real de transmisión de enfermidades como a Peste Porcina Africana (PPA) ou a gripe aviaria.

“A prevención da PPA depende fundamentalmente da detección temperá na fauna salvaxe, que é a principal vía de entrada e expansión do virus. Non se pode esperar a que a enfermidade entre nas granxas: o risco hoxe aínda está no monte e é a Consellería de Medio Ambiente quen ten a competencia directa sobre este ámbito”, subliña a CIG-Autonómica.

Malia esta responsabilidade, ao persoal axente ambiental, garda de recursos naturais e persoal dos Centros de Recuperación de Fauna (CRF) indícaselles unicamente que deben envolver, precintar e trasladar os cadáveres aos CRF, onde quedan almacenados en conxeladores.

A CIG subliña que o virus da PPA, aínda que non lle afecta ás persoas, sobrevive semanas ou meses en roupa, rodas, caixas de pick-up ou ferramentas, polo que a falta de desinfección e trazabilidade “pode converter o persoal e os vehículos oficiais en vectores involuntarios de transmisión”, especialmente cando eses mesmos vehículos visitan explotacións porcinas ou zonas agrícolas. Por esta razón, engaden, só o persoal formado e especializado da Consellería debera aproximarse e facer a recollida e levantamento de acta e control da trazabilidade con todos os pasos de bioseguridade e control.

No escrito denúnciase tamén a situación dos CRF, que están escasísimos de persoal e carecen de persoal veterinario asignado de maneira estábel. Nestes centros, alertan, “mestúrase fauna viva en recuperación con cadáveres potencialmente infectados, sen confirmación de que estas instalacións funcionen como puntos SANDACH de categoría 1, nin garantías de separación de accesos e espazos, desinfección ou trazabilidade interna”.

Ademais, non existe un sistema de trazabilidade que permita saber que cadáver se recolleu, onde, por quen, onde se depositou, quen o analiza nin que ocorre se un caso resulta positivo. Tampouco consta coordinación coa Consellería do Medio Rural nin con Sanidade para garantir actuacións coherentes entre servizos que traballan no monte. A CIG-Autonómica cuestiona se o persoal de incendios forestais sabe sequera que facer se atopa un xabaril morto no monte.

A todo isto súmase que a Xunta de Galiza segue sen incluír o persoal axente ambiental no 112 -no sistema de emerxencias-, a pesar de que a lexislación do Estado así o indica. Polo tanto pode ser que ante un aviso as e os axentes ambientais da zona nin sequera sexan informados.

A Xunta delegada o control no sector da caza sen protocolos nin coordinación

A CIG critica tamén que, malia este escenario de risco, a Consellería celebrou recentemente reunións con representantes do sector da caza e con corpos de seguridade sen convocar nin informar o persoal Axente ambiental, a pesar de que o control da fauna salvaxe e da actividade cinexética é a súa competencia directa.

“Con isto, critica a CIG-Autonómica, a Xunta delegou o control da PPA nos cazadores, sen estabelecer protocolos específicos nin coordinación efectiva co persoal de Medio Ambiente (como se fai noutras comunidades), o que non só é ineficaz, senón que pode converter a actividade cinexética nun vector de transmisión se non vai acompañada de medidas estritas, supervisión e formación obrigatoria”.

Por todo iso, a CIG-Autonómica solicita con urxencia a aplicación de:

  • Protocolo oficial completo de manipulación e traslado de fauna morta e medios de desinfección, precintado e traslado.
  • Implantación dun sistema obrigatorio de desinfección de vehículos e EPI.
  • Clarificación das condicións de seguridade e uso dos CRF.
  • Creación dun sistema de trazabilidade sanitaria, incluíndo protocolo de actuación ante resultados positivos.
  • Actualización da avaliación de riscos laborais, incorporando riscos biolóxicos de alta resistencia.
  • Plan formativo obrigatorio e simulacros periódicos, con mecanismos de auditoría.

A CIG-Autonómica considera que a Conselleira de Medio Ambiente non pode seguir con reunións propagandísticas e medidas improvisadas “mentres faltan os mínimos esenciais para detectar os focos onde realmente aparecen: na fauna salvaxe e no medio natural”.