A CIG augura «caos e risco extremo» na volta do persoal público da Xunta ao traballo presencial
O sector de Autonómica da CIG-Administración presentou unha serie de alegacións ao protocolo da Xunta que establece a reincorporación do persoal público e as medidas de protección fronte ao novo coronavirus. A central entende que “de continuar por ese camiño o caos e o risco extremo serán a tónica dominante nestes días”.
Dende a CIG-Autonómica critican que o borrador se centre nas dependencias administrativas, excluíndo os ámbitos sanitario, sociosanitario e educativo, ademais de moitos centros onde o traballo vai máis alá do meramente administrativo e prestan servizo o persoal funcionario e laboral da Xunta.
As medidas cargan a responsabilidade na persoa e non na empresa, que é a responsábel legal
Denuncian que a Xunta pretende substituír a avaliación de riscos laborais por ameaza biolóxica e o planeamento preventivo feito por persoal técnico cualificado en cada centro de traballo “por catro medidas xerais, algunhas delas transposicións das sinaladas polo Goberno central”.
Segundo sinalan, o protocolo establece unha serie de fases onde o director/a de centro toma decisións substituíndo o proceso técnico de planificación preventiva, “e non hai mecanismo de control para detectar erros no caso de fallar por non ter a capacidade ou medios”. Tamén censuran que se poida pasar dunha fase a outra sen ter superado a anterior e aínda que as condicións do avance da infección volvan a ser altas, xa que o parámetro é unicamente temporal.
“Este protocolo carga a responsabilidade da protección na persoa traballadora e non na empresa, que é a responsábel legal, o que constitúe unha unha deixadez de funcións que pon en grave risco ao persoal”. Polo que entenden que a Xunta obvia a responsabilidade social que supón a apertura de edificios administrativos e o movemento de milleiros de persoas traballadoras, “poñendo en risco a integridade do persoal e da sociedade galega”.
De igual xeito, amosan a súa sorpresa polo feito de que o teletraballo pase a ser a última opción, prevalecendo ademais a colocación de pantallas ou mamparas sobre medidas organizativas que minimicen a presenza no centro. “A intención é que se abandone o teletraballo a pesar de que se demostrou efectivo, e que todo o mundo volva aos centros, agás aquelas persoas que xa o tiñan autorizado previamente, que van quedar coas mesmas xornadas”. A CIG considera que o teletraballo “ten que alcanzar máximos e debe de continuar así ata que o risco sexa cero”.
Medidas "ineficaces e ridículas"
Segundo detallan dende a central, o borrador contén algunhas medidas “ridículas e de demostrada ineficacia” como medirse a febre antes de saír da casa ou un criterio de dous metros lineais de persoa a persoa no posto de traballo.
“Obviase a realidade de moitos centros, como a falla de ventilación, o número de metros cadrados de espazo compartido, un plan de limpeza e desinfección profesional adaptado a cada centro ou a regulación do fluxo de persoas”.
Ao mesmo tempo, a CIG rexeita o regreso de actividades non esenciais que requiren a presenza de servizos enteiros, como a pesca e a caza, ademais de entender que a volta do persoal aos centros de ensino “de xeito improvisado e sen seguridade é unha aberración e pon en risco ao persoal empregado publico”.
En definitiva, para a central trátase dun “documento chapuceiro” que non vale para programar unha desescalada “e moito menos substitúe as medidas preventivas dentro dunha avaliación de riscos laborais”. E que deixa fóra a todo o persoal que non realiza tarefas administrativas exclusivamente, ademais de ser “de dubidosa efectividade”. En consecuencia, auguran que “de seguir por este camiño o caos e o risco extremo van ser a tónica nestes días”.
Finalemnte, aseguran que a resolución do Cecop publicada hoxe demostra as présas que ten a Xunta por volver á normalidade "e seguir coa súa campaña electoral como se nada pasase".