A CIG asiste como convidada ao 13º Congreso da CUT do Brasil, no que se demandou a liberdade de Lula
A CUT do Brasil (Central Única dos/as Traballadores/as), a maior central sindical de América Latina, con máis de oito millóns de afiliados/as, celebrou, entre os día 7 e 10 de outubro, o seu 13º Congreso, na localidade de Praia Grande, no Estado de Sao Paulo, con dous lemas no encabezamento: un que facía referencia a “Sindicatos fortes, direitos, soberanía e democracia”, e outro que insistía na demanda de “Lula Libre”. Un congreso no que participaron máisde 1700 delegados e delegadas dos múltiples sindicatos afiliados á CUT e de todos os estados que abranguen a extensa xeografía do Brasil. Tamén acudironao congreso diversas delegacións doutras organizacións sindicais de todo o mundo, entre as que estaba a CIG.
Seminario internacional
Previamente ao acto oficial de apertura do Congreso, celebrouse un Seminario Internacional sobre “O sindicalismo do futuro e os impactos das novas tecnoloxías no Sul Global”, con dúas mesas de ponñntes, unha baixo ese mesmo título, e outra sobre a “Desregulamentación e precarización do traballo e alternativas de organización dos traballadores e traballadoras”, nas que, coa moderación a cargo de Antonio Lisboa, da CUT, participaron: Rasigan Maharajh (IERI deSudáfrica), Bárbara Figueroa (CUT de Chile), Andreas Botsch (DGB de Alemania), Víctor Baez (CSI), Luciana Itikawa (WIEGO), Susana Camusso (CGIL Italia), Rafael Freire (CSA) e Augusto Praça (CGTP-IN Portugal). Intervencións que foron seguidas dun debate aberto a todas as persoas asistentes ao evento.
Homenaxe a Lula da Silva
O acto de apertura do Congreso converteuse nunha homenaxe ao Presidente Lula da Silva, e á petición da súa posta en liberdade, coa asistencia de numerosas personalidades institucionais e políticas, entre as que foron aclamadas a expresidenta Dilma Rousseff, desaloxada da presidencia do país por un “Golpe” xurídico, o candidato ás últimas eleccións presidenciais, Fernando Haddad, e a Presidenta do PT, Gleisi Hoffmann.
Un acto emotivo e reivindicativo, no que o berro de “Lula Libre” foi constante, así como as esixencias de xustiza para Lula, un preso político, vítima dunha conspiración e construción falsa do seu proceso xudicial, como xa se está a demostrar na actualidade, e co único obxectivo de impedir a súa concorrencia ás eleccións presidenciais que, segundo todas as enquisas, tería moitas probabilidades de gañar cunha ampla marxe de votos.
Nas xornadas seguintes tiveron lugar os debates e votacións dos relatorios e a elección dos novos órganos de dirección e cargos de responsabilidade. E houbo trocos en ámbalas dúas cousas.
No que se refire ao esquema organizativo, aprobáronse modificacións nos estatutos, e no número de membros que constitúen os organismos, sobre todo para adaptarse aos novos tempos que as organización teñen que afrontar no Brasil, logo das Reformas laborais e os ataques contra as organización sindicais, levadas a cabo por Temer e Bolsonaro, e que supón un duro golpe para os seus recursos económicos e o nivel de afiliación. Tamén consideraron necesario adaptarse á precaria conxuntura actual do mundo do traballo, e incluír na súa acción e loita sindical a toda a xente que traballa nos sectores informais, e á xente desempregada, logo da defensa da proposta a cargo da Vicepresidenta Carmen Foro.
Fíxose tamén un chamamento á defensa da Educación Pública, en contraposición á pretensión de Bolsonaro de implantar 220 escolas de modelo militar. Recalcouse a necesidade de intensificar a loita na recuperación de dereitos laborais, cunha especial atención aos dereitos da xente nova, as mulleres e a poboación negra, e contextualizouse esta loita na situación que está a pasar o continente, cos acontecementos en Ecuador, a posible derrota de Macri na Arxentina, os bloqueos a Cuba, Nicaragua e Venezuela,…facéndose necesario o “inicio dunha reconstrución en América Latina”, segundo as palabras do compañeiro Ariovaldo Camargo.
No que ten a ver coa elección de órganos e cargos unipersoais, deuse unha importante renovación, pois a CUT contempla nos seus estatutos a limitación de mandatos nos mesmos. Así, resultou elixido como novo Presidente Sérgio Nobre, por unanimidade, Vagner Freitas (o anterior Presidente) pasará a ocupar a Vicepresidencia e Carmen Foro será a primeira muller en ocupar a Secretaría Xeral, para o mandato que durará ata o 2023. Sérgio Nobre, un metalúrxico do ABC (denomínase asi ao principal núcleo industrial do Estado de sao Paulo, comprendido entre Santo André , Santo Bernardo do Campo e S. Caetano do Sul, e que xa se pode ver ampliada en breve polo D de Diadema), un dos sindicatos máis fortes na Central, agradeceu a todos/as os/as asistentes a súa participación no Congreso e, en especial, aos sindicatos de base, aos presidentes/as estaduais e a toda a xente traballadora que estivo durante meses ao cargo da organización do evento.
“Esse Congresso foi realizado numa conjuntura adversa, difícil, que requereu de todas as forças políticas a mais ampla unidade para enfrentar o fascismo neste país. Esta chapa expressa toda a diversidade do país, de raça e entidades. Tem gente do campo, da cidade, de entidades públicas e privadas e LGBTs”, manifestou.
Xunto a isto lembrou que “na semana passada fui visitar o presidente Lula e ele me pediumuito para organizar os locais de trabalho, conversar nos bairros com a população. Essa é uma tarefa que temos, de dialogar e trazer o povo de volta para o nosso campo e, quem sabe, a gente mudar a realidade deste país em 2022”.
Tamén se comprometeu a que a CUT seguirá estando na rúa, en defensa dos dereitos da clase traballadora do Brasil e, de feito, así o farán xa o vindeiro día 30 xa en Brasilia, contra as políticas económicas do goberno. Fixo un recoñecemento ao traballo realizado polo anterior Presidente, Vagner Freitas, que agradeceu o apoio que tivo durante o seu mandato. Pola súa parte, Carmen Foro, a nova Secretaria Xeral, comprometeuse a que serían capaces de derrotar as reformas implantadas polos últimos gobernos, e fixo un especial agradecemento a todas esas mulleres invisíbeis e negras, que marcaron un papel importante na historia das mulleres traballadoras.
O Congreso rematou tamén, como non podía ser doutro xeito, con proclamas de “Lula Libre”.