A CIG asiste á 49 Conferencia da EUCOCO e á Conferencia sindical internacional en solidariedade co pobo saharauí
Diversos sindicatos franceses acolleron na Bourse du Travail de París, durante a xornada do día 27, delegacións sindicais internacionais para o desenvolvemento da Conferencia sindical internacional en solidariedade co pobo saharauí impulsada polo central de traballadores/as saharauís UGTSARIO, a UGT de Saguia El Hamra e Río de Ouro.
Após o acto de apertura coas intervencións do secretario xeral da central saharauí, Nafi Ahmed, e do secretario xeral da OUSA (Organización da Unidade Sindical Africana), Arezki Mahzoud, diferentes poñentes abordaron aspectos como a perspectiva do dereito internacional sobre a Resolución 2797 do 31 de outubro de 2025 do Consello de Seguridade da ONU e dos dereitos humanos no Sáhara Occidental; a explotación de recursos dos territorios ocupados e a complicidade internacional; a situación das persoas prisioneiras saharauís en cárceres marroquís ou as experiencias sindicais tanto nos campamentos de persoas refuxiadas como nos territorios ocupados a través do dereito do traballo.
Así mesmo, o encontro resultou na elaboración dunha declaración conxunta en apoio á causa do pobo saharauí pola desocupación asinada polas organizacións alí presentes e nunha mobilización posterior na Place de la République.
A 49 Conferencia Europea de Coordinación do Apoio ao Pobo Saharauí -EUCOCO desenvolveuse en dúas xornadas. No 28 de novembro celebrouse a Conferencia interparlamentaria con representantes institucionais da RASD e do Frente Polisario xunto coa presenza de representantes institucionais e políticos da Unión Europea, que deitaron luz sobre a violación das sentenzas do TXUE e as respectivas implicacións no seu incumprimento por parte do Estado español e de Francia.
A última xornada, o 29 de novembro, enfocouse nos eixos da mobilización e da solidariedade internacional para o que se detallaron algunhas iniciativas de diversos colectivos, e rematou novamente con outra mobilización.
Novamente, e en coherencia co posicionamento histórico, a presenza da CIG nestes encontros veu ratificar o compromiso coa causa saharauí na súa loita e mobilización, coa necesidade de coñecemento arredor da actualidade das reiteradas violacións do dereito internacional, ben pola explotación de recursos ben pola vulneración dos dereitos humanos, así como coa condena da perpetuación da colonización dos seus territorios por parte de Marrocos validada pola complicidade da comunidade internacional.