A CIG arrasa nas eleccións do persoal laboral da Deputación da Coruña e logra os 5 membros do comité
A CIG vén de gañar por maioría absoluta as eleccións do persoal laboral celebradas na Deputación da Coruña onte martes, ao obter os cinco delegados e delegadas que se elixían para o comité de empresa. As candidaturas das central nacionalista (a única que conseguiu presentar lista nos dous colexios) recibiron 35 votos dun censo total de 48 traballadores/as.
Este resultado confirma que a CIG é a única central que representa os intereses de todo o persoal da Deputación e non só de determinados colectivos, e por iso "somos o único sindicato con capacidade de presentar candidatura en todos os ámbitos". Tras deste rotundo éxito, a representación da CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos do conxunto dos traballadores e das traballadoras da Administración provincial "con independencia da súa condición contractual ou da súa xerarquía administrativa".
Así mesmo, as delegadas e os delegados da CIG seguirán loitando pola estabilización de todo o persoal con contratos en precario e para que se faga unha valoración dos postos de traballo "xusta e que recolla as alegacións presentadas polo persoal". Outro dos obxectivos da CIG ao longo do presente ano é que se aprobe o complemento de carreira para o conxunto dos empregados e empregadas.