CIG-Área Pública exixe convocar xa a Mesa Xeral para negociar a recuperación salarial
A CIG-Área Pública vén de dirixirse por escrito á ministra de Facenda e Función Pública para exixir á convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas co obxectivo de iniciar canto antes a negociación das medidas de recuperación dos salarios e dos dereitos do persoal empregado público que debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2023.
A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) rexeita que o Goberno español pretenda puentear a Mesa Xeral (na que están presentes as centrais sindicais máis representativas no ámbito da función pública) ao convocar unha reunión só con tres sindicatos (CCOO, UGT e CSIF) para abordar e pactar unha suba salarial que afecta a todo o persoal empregado público.
Se o Goberno ten interese en facer unha rolda previa de contactos, a Área Pública da CIG reclama non ser excluída e que, na súa calidade de sindicato máis representativo, sexa tamén convocada á reunión do próximo mércores para explicar as súas propostas.
Marco legal de negociación
En todo caso, lembra que o ámbito legal de negociación das condicións laborais e económicas dos traballadores e das traballadoras ao servizo das Administracións é a Mesa Xeral. Que o Goberno español pretenda chegar a acordos fóra deste marco, contando só cunha parte da representación sindical, furta o dereito fundamental de participación das miles de empregadas e empregados públicos galegos que escolleron á CIG como sindicato de referencia.
A CIG non vai tolerar que, unha vez máis, o Goberno busque pactar con aquelas forzas sindicais que entende como 'amigas' unha suba salarial para todo o persoal empregado público e despois levar este acordo á Mesa Xeral como unha proposta pechada, sen posibilidade de cambios, e coa que as demais organizacións sindicais, ás que non se lles permitiu participar da negociación, teñan que comungar.
Este procedemento de negociación escurantista fóra dos ámbitos legais vivímolo recentemente na modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público e o resultado non puido ser máis desastroso para o conxunto das administracións.
Existe un marco legal que o Goberno español e as centrais sindicais estatais teñen que respectar. A CIG, que ostenta a condición de sindicato máis representativo no ámbito do persoal empregado público de Galiza, non consentirá que se pretenda usurpar o marco propio de negociación baixo a coartada do diálogo social, intentando ademais por esta vía desactivar as mobilizacións e protestas no sector público.
A CIG-Área Pública exixe a convocatoria inmediata da Mesa Xeral para tratar a recuperación dos salarios, das condicións laborais e dos niveis de emprego nos termos da proposta trasladada pola central nacionalista ao Ministerio de Función Pública. Despois de máis dunha década de recortes e desmantelamento dos servizos públicos, cunha perda do poder adquisitivo acumulada que supera o 17% e o custe da vida medrando sen control, cómpre que recoñeza o esforzo soportado durante a crise polas persoas empregadas públicas e se restitúan os dereitos e as condicións de traballo suprimidas.