A CIG aposta por continuar coas mobilizacións ante a falta de avances na venda da fábrica de San Cibrao
A punto de rematar os tres meses do prazo establecido para o segundo proceso de venda, continúa sen haber avances nas intencións do goberno de adquirir, a traveso da SEPI, a fábrica de aluminio de San Cibrao. Até o de agora, lembra a sección sindical da CIG, o goberno nin sequera respondeu ás condicións de venda (Term Sheet) presentadas por Alcoa en febreiro, paso inicial da negociación.
É necesario lembrarlle ao goberno a súa obriga de defender á industria e a mellor maneira de facelo é mobilizándonos"
A representación da CIG reitera tanto a necesidade estratéxica como a viabilidade económica desta industria. "A produción de aluminio é unha fonte de riqueza que sería insensato perder, como país e como estado", salientan. Engadindo que a noticia dos beneficios obtidos durante estes últimos meses "non fai máis que confirmalo".
Estes beneficios ademais, xeráronse cun prezo da enerxía inestábel e nada competitivo "que a pouco que se regule garantirá o futuro con ou sen Alcoa" polo que adiantaron que "continuaremos a reivindicar esta o goberno afronte esta tarefa".
Dende esta convicción da viabilidade, e tal como se manifestou nas reunións da mesa multilateral, a CIG considera urxente que a SEPI adquira a fábrica antes da finalización do prazo de venta o próximo 30 de abril, para despois poder abordar coa tranquilidade de manter os postos de traballo, o mellor socio interesado na compra.
"Mais tamén estamos convencidos que con esa solicitude non abonda. É necesario lembrarlle ao goberno a súa obriga de defender á industria e a mellor maneira de facelo é mobilizándonos".
Por iso, xa no pleno do comité do día 9, a sección sindical da CIG realizou varias propostas con flexibilidade na data, lugar ou tipo de mobilización, "pero insistido que fose antes do 30 de abril. Consideramos unha irresponsabilidade non facelo e fiar na boa vontade dunhas administracións, Xunta e Estado, que xa nos teñen máis que defraudado".
Manter a mobilización faise necesario "pois mentres o tempo sigue pasando e a posibilidade dunha prorroga que se alongue até a saída dun recurso do ERE que poda favorecer a Alcoa ou até que a fábrica colapse por falta de mantemento, faise cada día máis real".