
A CIG aposta por construír poder popular desde o sindicalismo no Seminario Internacional “Na defensa da Paz, Traballo, Dereitos e Soberanía”

A CIG celebrou este venres o Seminario Internacional no marco do seu IX Congreso, baixo o lema “Na defensa da Paz, Traballo, Dereitos e Soberanía”, onde as máis de 30 delegacións internacionais convidadas compartiron experiencias e debateron propostas para combater os desafíos que enfronta a clase traballadora a nivel global. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi o encargado de clausurar o evento, presentando unhas conclusións que chaman a rachar coa globalización neoliberal e a construír un mundo baseado na xustiza, a solidariedade e a autodeterminación dos pobos.

Carril deu a benvida ás delegacións, destacando o orgullo de recibilas en Galiza, “unha nación cunha lingua propia, nai do tronco galego-portugués, e un pobo diferente no mundo”. Situou o Seminario nun contexto crítico, marcado polo belicismo e a apoloxía da guerra promovida pola Unión Europea, en “entusiasta obediencia” aos Estados Unidos e á OTAN. Denunciou o imperialismo estadounidense, que “usa a guerra para manterse á fronte dun mundo que camiña imparabelmente cara a un modelo multipolar”. Como exemplo, sinalou a guerra en Europa e o apoio de Occidente ao xenocidio do pobo palestino por Israel, proclamando con firmeza que “desde o río até o mar, Palestina vencerá!”.
O secretario xeral defendeu a necesidade de superar o eurocentrismo e a dependencia dos EUA, apostando por relacións multilaterais e saudando o papel dos BRICS como alternativa. “Son urxentes novas relacións internacionais sen subordinacións nin explotación, onde os pobos e nacións poidan gobernarse con total independencia, respectando o dereito de autodeterminación, tamén dentro da UE e do Estado español”, afirmou. Esta visión, segundo Carril, é esencial para construír un mundo de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.

Alertou sobre os efectos do cambio climático, a dixitalización e a descarbonización, que intensifican as ameazas económicas, sociais e laborais para as maiorías sociais. Criticou a “desenfreada carreira” pola depredación de recursos naturais, que forza a migración de millóns de persoas e agrava as consecuencias climáticas. A transición enerxética, dixo, “non é xusta nin social nin territorialmente”, xa que os beneficios se privatizan mentres os custos recaen nas clases populares. “Os poderes públicos deben intervir para socializar os beneficios, non só os custos, e garantir o dereito a vivir e traballar dignamente en cada país”, reclamou, demandando políticas que combatan as desigualdades, especialmente contra as mulleres, e promovan o reparto do traballo e a creación de emprego.
No ámbito sindical, Carril reafirmou o papel do sindicalismo de clase como “instrumento de contrapoder” que debe apostar polo conflito e a mobilización para conquistar dereitos. Criticou o diálogo social como unha “mentira baseada na conciliación de clases” que encubre a agresividade do capital.
“Na CIG temos claro que o sindicalismo debe crear alianzas co conxunto das loitas sociais para conquistar a soberanía dos pobos e construír sociedades democráticas, xustas e igualitarias”, subliñou. No caso galego, denunciou o aumento da precariedade, a pobreza laboral, a emigración e o papel colonial de Galiza, resultado dun capitalismo que conduce a “unha tormenta perfecta de desemprego, desigualdade e desindustrialización”.

O secretario xeral concluíu cun chamamento á acción e considerando que “necesitamos socialismo e políticas públicas que recoñezan dereitos, non caridade”. Expresou o desexo de que o Seminario fose un paso adiante para construír un mundo mellor, fortalecendo “a enorme forza que representa o sindicalismo de clase e de contrapoder” participante no Seminario.
Medidas urxentes contra a fenda de xénero
Foi Nicolasa Castro Monteiro, secretaria das Mulleres da CIG a que trasladou ás delegacións convidadas a situación de precariedade que afecta as traballadoras galegas, marcada pola temporalidade, a parcialidade e os baixos salarios e presentou as liñas de acción da CIG para combater a fenda salarial, a desigualdade nas pensións e a falta de políticas públicas que apoien as traballadoras.
Segundo Castro, o aumento da participación feminina no mercado laboral, que creceu 8 puntos neste século, está ligado á externalización dos coidados, con metade do emprego feminino creado desde 2010 concentrado na sanidade e os servizos sociais. “Estes traballos, maioritariamente precarios, son ocupados por mulleres, moitas delas inmigrantes, que representan o 7% da poboación ocupada feminina e o 75% do crecemento da poboación activa feminina en 2024”, explicou.
Esta precariedade caracterízase por contratos parciais (76,6% das xornadas parciais en 2024 son de mulleres), temporais (29,9% das mulleres fronte a 17,8% dos homes) e baixos salarios, cunha fenda salarial do 18,4% (4.687 euros anuais en 2023).

A secretaria das Mulleres criticou a reforma laboral de 2021, que “lonxe de reducir a precariedade, agravou as fendas de xénero”. Destacou que o 60% dos contratos fixos-descontinuos son asinados por mulleres, e só o 45,6% teñen contratos indefinidos a tempo completo, fronte ao 71% dos homes. Ademais, o 42% das mulleres con xornada parcial traballan así por obrigación, e un 22% para coidar persoas dependentes.
Nos sectores feminizados, como os servizos ás empresas (fenda do 25,7%) ou os servizos persoais e de lecer (23,1%), as mulleres gañan significativamente menos, con ingresos medios de 15.888 e 10.462 euros anuais, respectivamente, moitos por debaixo do SMI.
Fenda das pensións
Castro tamén alertou sobre a fenda de pensións, que en 2023 alcanzou o 33,6%, deixando as pensionistas galegas con 421,88 euros menos ao mes que os homes. Para combater estas desigualdades, a CIG propón medidas como complementos salariais para sectores feminizados, sistemas de clasificación profesional equitativos, eliminación da segregación ocupacional por xénero, e un cómputo diferenciado para as pensións que recoñeza o tempo de conciliación. A curto prazo, reclama elevar o SMI ao 60% do salario medio, en liña coa Carta Social Europea, e ampliar permisos retribuídos e servizos públicos para coidados.

A secretaria denunciou a inacción do Goberno español, que ignora directrices europeas sobre o permiso parental remunerado de 8 semanas e mantén permisos por nacemento e lactación por debaixo das recomendacións da OMS, especialmente para familias monoparentais, maioritariamente monomarentais. Tamén esixiu protocolos obrigatorios contra o acoso laboral e unha Inspección de Traballo que garanta a igualdade retributiva e castigue a violencia de xénero no traballo. E concluíu reafirmando o compromiso da CIG cun sindicalismo feminista galego, impulsando a participación das mulleres no sindicato, a formación en igualdade para delegadas e cadros, e o fortalecemento dun feminismo de clase.
Sindicalismo de confrontación
Pola súa banda, Francisco González Sío, secretario confederal de Emprego, denunciou o diálogo social, liderado por CCOO, UGT e a patronal, como unha “trampa” que neutraliza o conflito e “enterra os dereitos laborais”. “É a coartada perfecta para consolidar a precariedade e subordinar a clase traballadora aos intereses do capital, reforzando o marco constitucional de 1978 que nega a existencia de nacións como Galiza”, afirmou. Sinalou que este modelo impón unha unidade de mercado que anula a capacidade galega para decidir sobre o seu modelo laboral e social.

Fronte a isto, defendeu a folga e a mobilización como “ferramentas centrais” para conquistar dereitos considerando que “sen conflito, non hai avance. O tempo que tardamos en mobilizarnos é o tempo que perdemos en gañar dereitos” e a negociación colectiva como un espazo de loita, non de renuncias, criticando a reforma laboral de 2021 por centralizar os marcos de negociación e impoñer recortes. “Onde a CIG ten forza, rachamos coa contención salarial e impulsamos mellores convenios”, destacou.
Alertou, ademais, sobre os desafíos da dixitalización e da economía de plataformas, que fomentan o individualismo e debilitan a acción colectiva. “O teletraballo afasta as traballadoras dos centros de traballo, dificultando a organización. A nosa resposta debe ser reforzar a participación e o asemblearismo”, propuxo.
Xunto a isto subliñou que o sindicalismo da CIG non se limita ao ámbito laboral, senón que busca construír poder popular a través de alianzas co tecido social galego. “Queremos unha Galiza con dereito a decidir, porque sen soberanía non hai protección do emprego nin un modelo produtivo sustentábel”, afirmou.

González Sío resaltou o conflito como unha “oportunidade para a toma de conciencia” e a solidariedade como un “deber” da clase traballadora. “O capital é global; a nosa resposta tamén debe selo. Precisamos compartir experiencias e construír estratexias conxuntas”, dixo, apelando á unidade internacional das organizacións sindicais presentes. Concluíu reafirmando o éxito da CIG como primeira forza sindical en Galiza grazas á súa aposta pola loita e a mobilización. “Non hai transformación sen convicción. Desde Galiza, teimamos nun sindicalismo que non se rende, porque sen loita non hai conquistas”, rematou.