A CIG aposta pola mobilización para acadar subas nos convenios que permitan enfrontar a carestía da vida

Loitará por incrementos salariais do 5%, emprego estable e impedir un uso abusivo dos ERTE
Nacional - 20 Xan 2023

A CIG afronta 2023 como un ano de “loitas e mobilizacións”, por mor da “elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, os chamados a un pacto de rendas, a insuficiencia das políticas que os Gobernos están a facer e ante o secuestro ao que ten sometida a patronal á negociación colectiva e a mellora dos salarios e das condicións de traballo”.

Así o anunciou o secretario xeral, Paulo Carril, quen analizou a situación sociolaboral da clase traballadora galega a partir do Informe de Salarios, que anualmente elabora o Gabinete Técnico de Economía da central sindical a partir dos datos publicados pola Axencia Tributaria.

Un Informe no que se retrata un panorama preocupante no que, porén, subliñou que, atendendo ás subas salariais rexistradas nos distintos territorios do Estado, na Galiza foi onde máis se incrementaron os soldos, cun 4,83%, por riba do 4,57% en Euskadi ou do 4,49% en Nafarroa, segundo os Consellos de Relacións Laborais galego e vasco. Subas que, dixo, “confirman que nos territorios onde o sindicalismo nacionalista é hexemónico” hai maiores avances nas condicións salariais e na conquista de dereitos laborais, “pola existencia dunha maior conflitividade grazas á implantación dun modelo baseado na mobilización social e laboral”.

As consecuencias da última reforma laboral

Carril denunciou que baixo novas formas contractuais medra a flexibilidade e a inestabilidade laboral; facilítase a extensión dos baixos salarios e avanza imparábel a precariedade, a consecuencia “dunha nova regulación laboral sen ter derrogado, na súa integridade, as regresivas reformas de 2010 e 2012”. Unha realidade que, afirmou, confirma o que a CIG viña advertindo que ocorrería, que “con esta reforma laboral nin recuperamos, nin gañamos dereitos, nin aumentaron as horas traballadas, nin se creou máis emprego”.

Nese sentido, e tomando os últimos dados do paro, apuntou que o mercado laboral galego continúa a expulsar traballadores/as, con 5.345 afiliadas menos á Seguridade Social en decembro; con descensos leves do desemprego, pero pola contratación a tempo parcial ligada ao sector servizos, mentres aumentaron en máis dun 120% os contratos fixos descontinuos; cun aumento “brutal” do número contratos indefinidos dados de baixa por non superar o período de proba -case un 800% en Galiza-, pasando de 231 despedimentos por esta causa, en xuño de 2021, aos 2.088 en xuño de 2022, e cun aumento dun 33% do contrato a tempo parcial, fronte ao de tempo completo, que o fai nun 13%.

Unha situación pola que concluíu que a precariedade e os baixos salarios teñen causa na reforma laboral aprobada hai un ano, que se viu sumar á imposta polo PP en 2012, que tiña como obxectivo tamén baixar os salarios.

Nese sentido subliñou que as rendas do traballo representan hoxe o 44% do PIB, fronte ao 56,1% as rendas do capital, cando no 2009, representaban o 48%”. Por iso negou toda lexitimidade ao PP “para polemizar sobre os fixos-descontinuos, nin sobre nada que afecte ao mundo do traballo” considerando.

Caída do poder adquisitivo pola inflación

Paulo Carril lembrou que a inflación en Galiza foi do 6,4%, 0,7 puntos superior á do Estado, que quedou no 5,7%, mais cunha inflación subxacente real do 7%, o que, xunto coas reformas laborais, ten causado unha caída enorme do poder adquisitivo dos salarios mentres o capital incrementa “de forma desorbitada” os seus beneficios. “As grandes empresas, a banca e as eléctricas acumularon gañancias de 25.586 millóns de euros, un 52% mais que no mesmo período do 2021. Os beneficios das empresa do IBEX medran 8 veces máis que os salarios”, denunciou.

Por iso apostou por tomar o IPC como referencia para “afrontar a negociación colectiva”, garantindo así o poder adquisitivo dos salarios e unha vida digna.

Negociación colectiva

Na mesma liña, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Francisco González Sío, sinalou que a CIG centrará a loita da negociación colectiva, no decurso de 2023, na recuperación salarial e defenderá un incremento do 5%, tendo en conta que o IPC previsto é, segundo datos do Banco de España, do 5,6%.

A este respecto, apuntou que o salario medio do módulo salarial de facenda no Estado español foi de 28.301 euros/ano, o que significa que a suba lineal para este ano tería que ser de 1.447€/ano ou 101€ en 14 pagas.

Xunto a isto, a CIG defenderá a inclusión dunha cláusula de revisión salarial que opere no ano e que especifique que esa revisión ten que se facer atendendo ao IPC interanual de decembro. Neste sentido denunciou que “o diálogo social introduciu un novo concepto” para a actualización de salarios  que é o de “IPC medio” que, ao seu entender, “distorsiona a revisión salarial de toda a vida”, supón a perda de poder adquisitivo e afectou ao 43% dos convenios.

O secretario confederal de Negociación Colectiva defendeu tamén a aplicación do convenio de sector, con respecto ao salario. Sobre isto puxo como exemplo a situación de PSA Citröen, que ten un convenio de empresa e salarios por debaixo do sector na provincia de Pontevedra.

Apostou ademais polo control da contratación eventual, denunciando a fraude na contratación derivada do abuso do contrato por necesidades de produción, que segue nas mesmas porcentaxes que antes da última reforma laboral.

Canda isto, asegurou que a CIG defenderá impedir que se recorra aos ERTE como mecanismo de flexibilidade, tanto pola precariedade que supón para as traballadoras e traballadores afectados, xa que o 81% teñen ingresos inferiores a 1,5 veces o SMI, como porque en moitos sectores o persoal vai estar “castigado a vivir nun ERTE permanente”, mais tamén porque é unha outra forma de transferir rendas do traballo ao capital, porque se están a subvencionar “coas nosas prestacións por desemprego”.

INFORME SALARIOS

O Informe de salarios está realizado cos datos que proporciona a Axencia Tributaria a través da estatística “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias”, que se corresponden co ano fiscal 2021, pero dan o retrato máis fiel á realidade porque se obteñen a partir da “Declaración anual de retencións e ingresos a conta sobre rendementos do traballo, de determinadas actividades económicas, premios e determinadas imputacións de renda (modelo 190)”.

Esta estatística, que inclúe os salarios brutos, permite coñecer o ingreso medio por salario en Galiza, aínda que cómpre matizar que son datos aínda marcados pola pandemia (preto de 200.000 persoas en ERTE) e polo aumento do SMI. En todo caso, reflicte que:

1.- Durante o ano 2021 o Salario Medio no Estado español está en 28.301 euros ano mentres na Galiza foron de 26.214 euros brutos anuais.

Polo tanto, cando a CIG fala de que se cumpra o que recomenda a Carta Social Europea, do 60% do salario medio para fixar o SMI, este ano 2023 debera de ser de 1.212,90 euros, que é o 60% do salario medio, por iso no 2022 sobre un salario medio no Estado español 27.925 euros- 1.197 euros ( Galiza 25.884)

Na mediana de ingresos, é dicir, a cantidade de ingresos que divide a poboación en dúas partes iguais:  o 50% ten ingreso inferiores a esa cantidade, e o restante 50%, superiores.  No caso de Galiza, a mediana de ingresos situouse en 21.359 euros brutos anuais, moi por debaixo do SME, o que amosa as desigualdades existentes.

Para Galiza, aínda que o SME foi de 26.214 euros brutos anuais, a metade da poboación asalariada non acadaría os 21.359€ ao ano, unha fenda de 18,5 puntos porcentuais, situándose como a quinta comunidade con maiores diferenzas de ingresos.

Fenda de xénero

No que atinxe á fenda de xénero, esta é menor no caso dos salarios estimados que nos ingresos reais, o que amosa que unha parte importante da mesma se xustifica polas condicións laborais: xornadas parciais, temporalidade...

No caso de Galiza, para o SME, a fenda situase no 7,7% en 2021. Porén, se temos en conta os ingresos reais, sitúase no 18,5%. Isto significa que 10,8 puntos porcentuais débense ás precarias condición laborais das mulleres con respecto aos homes, que se traducen en maior temporalidade e maior participación no mercado de traballo a través de xornadas parciais, o que fai que os seus ingresos reais sexan moi inferiores ao que lles correspondería se traballaran o ano completo e a xornada completa.

2.- O 35,4%  da poboación asalariada percibiu ingresos inferiores ao SMI cando no 2019 foran o 34,4% das  asalariadas e asalariados, os que se situaran neste abano de ingresos.   Así:

  • Para un 17,7% das persoas asalariadas, os seus ingresos brutos anuais foron inferiores á metade do SMI, concretamente, foron inferiores a 2.924€, cando no ano 2019 eran o 17,8% do total. Neste colectivo é onde o SMA máis se incrementou, debido a que é onde o incremento do SMI ten unha incidencia máis clara. Isto confirma a nosa reclamación da urxencia de situar xa o SMI no 60% do salario medio que di a Carta Social Europea.
  • As persoas con ingresos entre a metade e o SMI, foron o 17,7%. No ano 2019 situábanse neste abano de ingresos o 16,7% do total dos asalariados e asalariadas. Foi neste intervalo de ingresos onde medrou a poboación asalariada, concretamente un 4,9%.
  • As desigualdades entre a clase traballadora son moi elevadas, de feito en torno ao 60% non acada os ingresos medios do ano; é dicir, tiveron uns ingresos inferiores a 20.786 euros anuais.
  • A fenda entre o colectivo de menores ingresos e de maiores é moi elevada. Unha persoa do grupo máis elevado ten uns ingresos equivalente a 84 persoas do colectivo de menores ingresos.

Persiste a forte fenda de xénero xa habitual no noso mercado de traballo. No ano 2021 esta situouse no 18,6%, o que, en termos monetarios, equivale de 4.238 euros brutos anuais menos.

Con respecto a 2019, a diferenza reduciuse en 1,9 puntos porcentuais. En valores absolutos reduciuse en 289 euros.

O incremento do SMI, contribuíu a reducir dita fenda, xa que as mulleres son maioritarias nos tramos de menores ingresos, polo que a evolución do SMI incide directamente na súa situación económica. É, polo tanto necesario un maior incremento deste indicador, incremento acorde ás necesidades da clase traballadora.

No que atinxe á idade, as diferenzas tamén son importantes

A diferenza entre os ingresos dunha persoas de entre 56 e 65 anos e unha de menos de 18 é de 1 a 13; é dicir ingresa o mesmo, de media, unha persoas con idade comprendida entre os 56 e os 65 anos, que 13 persoas de menos de 18 anos.

É entre os 56 e os 65 anos, cando se acadan os maiores ingresos, de media 25.525 euros brutos anuais.

Camiñamos cara un maior envellecemento da poboación. No ano 2019 o poboación asalariada con máis de 45 anos era o 42%; en 2021 incrementouse ata o 45%.

Cativos ingresos da poboación máis nova

Un ano máis debemos chamar a atención polos cativos ingresos da poboación máis nova en Galiza.  Ata acadar a idade de 26 anos os ingresos apenas superan a metade do SMI, e ata os 36 apenas acadan os 17.500 euros brutos anuais. Estamos falando en moitos casos dunha poboación cun alto nivel formativo, que se ve obrigada a emigrar dada a precariedade laboral coa que se atopa no noso país.

Este feito agrava un dos principais problemas socias de Galiza, o demográfica, xa que non so reduce  a poboación a curto prazo, senón a posibilidade dun medre futuro. En resumo, menos poboación e máis vella.

Comparándonos co resto das comunidades

En xeral, non se recuperou o nivel de persoas ocupadas que había en 2019. De  media, declararon ingresos procedentes do traballo un 1% menos de persoas que en 2019. En Galiza, un 1,3% menos. Tan só dúas comunidade: Castela A Mancha e Murcia tiveron uns un leve incremento con respecto a 2019.

Os ingresos medios máis altos recibíronos as persoas asalariadas en Madrid, cunha media de 27.981 euros brutos anuais e os máis baixos en Extremadura, equivalentes aos 76% da media estatal. Galiza sitúase no 96,6% da media.

Tan só 4 comunidades tiveron ingresos por encima da media estatal: Madrid, Cataluña, Asturias e Aragón.

Por todo o anterior, e nesta realidade salarial, neste 2023, desde a CIG, como xa fixemos no 2022, estamos chamados e chamadas ao conflito ante os Gobernos e ante a patronal, e ante os Gobernos, para que o custe da crise non recaia sobre as maiorías sociais e para que non nos rouben o direito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivo.