A CIG apoia e chama a participar na mobilización deste domingo en Compostela contra Altri
A CIG participará e chama a acudir á mobilización convocada o vindeiro domingo 30 de xuño, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela, en rexeitamento ao macroproxecto que Altri pretende instalar en Palas de Rei. Con esta acción na que se rodeará o edificio de San Caetano exíxeselle ao Goberno galego que atenda o clamor social e non autorice a instalación desta industria de enclave que non cumpre a lexislación vixente e ameaza a viabilidade económica, social e medioambiental do río Ulla, da Ría de Arousa e de toda Galiza.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que o Goberno do PP "non pode condenarnos a ter unha industria de enclave, colonial e depredadora como a que formula Altri" e advirte do impacto social, económico e ambiental que suporía o denominado proxecto GAMA "ao que agora temos que sumarlle o intento de reabrir a mina de Touro".
Despois da masiva manifestación que o pasado 26 de maio desbordou as rúas de Palas de Rei, cómpre seguir mobilizándonos para evitar que a pasteira de Altri se converta nunha realidade e para obrigar a Xunta de Galiza a asumir as súas responsabilidades, dar un xiro radicar ás súas políticas e que aposte por un modelo industrial sostíbel, que reverta no noso desenvolvemento económico e social. "Xa está ben. Estamos fartas e fartos de ser unha colonia, queremos vivir e traballar dignamente na nosa terra", asevera.
Política industrial de espolio e destrución
Carril denuncia a política de destrución e espolio de Galiza impulsada polo PP, exemplificada en leis como a fracasada Lei de Fomento de Implantación Empresarial (“lei de depredación"), que planificaba un modelo económico e industrial de tipo colonial baseado nas espoliación dos nosos recursos; o proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza ou a futura Lei de administración ambiental simplificada que se vén de anunciar.
A respecto da lei de beneficios (en tramitación no parlamento), Carril lembra a utilización partidista que o PP fixo do Consello Económico e Social, secuestrando o ditame moi crítico emitido por este organismo e non incorporando ningunha das consideracións contidas no informe.
Fronte ao proceder da Goberno galego, reclama que se teñen en conta varios apartados do ditame do CES -propostos pola CIG- nos que se recolle que os proxectos industriais teñen que levar aparellado o peche dos ciclos produtivos en Galiza, aumentando o valor engadido en sectores básicos na nosa economía; que non só deben respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten, senón tamén garantir o saldo de emprego neto e retorno económico e social; e que se deben protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, para priorizar a soberanía alimentaria sobre intereses industriais.
Pero até momento, advertiu Carril, non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o peche dos ciclos produtivos. E para máis abundar preténdese pór en marcha esta macroinstalación no corazón da Ulla nun contexto -constatado polas universidades galegas- de desaparición en Galiza de superficie agraria útil, en favor de máis territorio dedicado á actividade forestal ligada ao eucalipto.
"Estamos, pois, ante un proxecto contrario a un monte galego con futuro, ante unha industria de enclave que vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o agrario, gandeiro, do mar ou o sector turístico e cultural ligado ao Camiño de Santiago. Contra disto temos que seguir a mobilizarnos até termos garantías de que a Xunta non lle dará autorización administrativa", conclúe.