A CIG apoia e chama a participar na manifestación deste domingo en solidariedade co pobo palestino
A CIG vén de adherirse ao manifesto en solidariedade co pobo palestino feito pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina con motivo da mobilización nacional do próximo domingo 6 de outubro, en Santiago de Compostela. A central nacionalista insta a participar nesta manifestación que sairá ás 12 horas da Alameda e rematará na Praza da Quintana.
A CIG, como organización anti-imperialista e que acredita na solidariedade internacionalista, denuncia o xenocidio que o Estado sionista de Israel está a cometer en Gaza e as agresións contra a poboación do resto dos territorios palestinos. Instamos a acudir á manifestación convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, cando se cumpre un ano do inicio do ataque á faixa de Gaza que deixa uns niveis de morte e destrución sen precedentes, tras máis de 76 anos de ocupación ilegal.
O estado terrorista de Israel leva décadas utilizando a forza militar e a violencia desmedida para manter un réxime de apartheid na Palestina. A CIG fai súa as demandas da Coordenadora Galega e reclama a detención inmediata das agresións e a total retirada das tropas de ocupación e das colonias ilegais na Palestina; que se respecte o dereito de soberanía e autodeterminación; e o recoñecemento do Estado Palestino, co seu territorio íntegro, entre o río Xordán e o mar Mediterráneo.
De igual xeito, demandamos que todas as institucións rompan os acordos académicos, comerciais, económicos e as relacións diplomáticas con Israel e a imposición inmediata de duras sancións a Israel. Neste senso, cómpre denunciar a vergoñenta pasividade da Unión Europea, a posición ambigua do Goberno español que mentres recoñece o Estado palestino continúa co comercio de armas a Israel, e a incapacidade do Goberno galego para aprobar sequera unha declaración institucional pola Palestina.
Tal e como se recolle no manifesto da Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina pedimos á Unión Europea un maior esforzo para impulsar unha desescalada da ocupación e da violencia a través de relacións diplomáticas e do respecto do dereito internacional, e un maior esforzo de axuda humanitaria e de emerxencia.
Pra facilitar o desprazamento a Compostela haberá servizo de autobuses dende as distintas comarcas. Cómpre reservar praza.