A CIG apoia e chama a participar na manifestación deste domingo contra Altri
A CIG apoia chama a participar a toda a sociedade galega na manifestación contra a fábrica de Altri convocada pola plataforma Ulloa Viva para o próximo domingo, 26 de maio, en Palas de Rei. A central nacionalista acudirá á mobilización cunha faixa propia co lema "Na defensa da nosa terra, Altri NON" e pon autobuses a disposición dende as principais cidades para facilitar o desprazamento.
A CIG rexeita o modelo de industria de enclave que representa o proxecto GAMA de Altri-Greenalia e critica que o goberno de Rueda o declare de utilidade pública e proxecto industrial estratéxico. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que "estamos diante dun modelo depredador dos nosos recursos naturais, con grave impacto ambiental, social e económico", que non leva aparellado o peche dos ciclos produtivos e que é contrario a termos un monte galego con futuro.
Por iso fai un chamado a intensificar a mobilización social até conseguir paralizar un proxecto que, dende que se deu a coñecer, ten recibido o rexeitamento de colectivos e agrupacións dos máis diversos ámbitos.