A CIG apoia e chama a participar na concentración convocada contra o desmantelamento do CGAI
A central sindical rexeita a proposta de RTP formulada pola Xunta de Galiza, que implica a desaparición de 3 postos de traballo e o despedimento do traballador que ocupaba o posto de proxeccionista, ao tempo que esixe o mantemento deste servizo público e a dotación do persoal necesario. E así o trasladou a CIG nas diferentes mesas de negociación e comisións de persoal nas que se tratou este novo recorte dos servizos públicos.
Para a Federación de Administración da CIG da Coruña estamos ante un novo paso nas políticas do Goberno de Feijoo para “rematar a toda costa co público e vendelo envolvido en papel de celofán á empresa privada, levando polo camiño os postos de traballo e mailo sector produtivo do audiovisual galego”.
A este respecto lembran que o CGAI é o único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos e, logo de 25 anos de vida, converteuse nun centro de referencia no ámbito do Estado. A súa desaparición ou confinamento a un mero organismo decorativo, que semella ser o obxectivo da Xunta con esta eliminación de postos de traballo, constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego.
Así mesmo dende a CIG-Administración denuncian que, “agochado neste desmantelamento e na destrución de emprego público, coexiste a creación de prazas de asesores vía "libre designación" nese empeño de creación de administracións paralelas”.