A CIG apoia e anima a participar na concentración en defensa dun sistema público de atención á dependencia

O próximo luns, 10 de febreiro, ás 11h, diante da Xunta de Galiza
Nacional - 06 Feb 2025

A CIG manifesta o seu apoio e chama a participar na concentración convocada para o vindeiro luns, 10 de febreiro, ás 11h, diante da Xunta de Galiza na defensa dun sistema público de atención ás persoas dependentes. A central nacionalista comparte todas as demandas das organizacións convocantes, polo que participará na protesta, e xa adianta o seu apoio ás próximas mobilizacións que se convoquen.

A CIG leva anos reclamándolle á Xunta de Galiza que consigne os orzamentos suficientes para abordar as graves carencia existentes en dependencia e atención a persoas maiores, reverta as privatizacións dos servizos, reforce os equipos de valoración para axilizar os recoñecementos e amplíe o número de prazas e centros públicos. Estas demandas téñense trasladado tanto mediante campañas a nivel confederal como a través da acción do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.

Con obxectivo de garantir unha atención digna, a CIG promoveu no ano 2021 unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutinara os diferentes servizos e centros, con xestión directa, orzamentos adecuados e unha mellora nas condicións laborais do persoal. Pero esta proposta foi rexeitada pola maioría absoluta do PP no Parlamento galego, alegando que non se pode deixar de lado á empresa privada no sector dos coidados.

Agora, a reforma introducida a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos para 2025 afonda aínda máis no deterioro dos dereitos das persoas dependentes, ao unificar nunha mesma tramitación os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e o grao de discapacidade e o dereito á prestación, eliminar persoal especializado, derivar responsabilidades aos servizos municipais, e mesmo limitar a participación no Consello Galego de Benestar Social.

A última ocorrencia do Goberno galego para paliar a ausencia dunha política social que poña as persoas e o seu benestar no centro é o anuncio de gratificar ao persoal público para que axilice as tramitacións, descargando as culpas polos tempos de agarda das resolucións (que superan o ano) nas traballadoras e traballadores destes servizos, facéndolle crer a opinión pública que non se resolve por desidia, e non porque os equipos estean sobrecargados. Cos 90 millóns orzamentados para esta partida poderían crearse até 200 postos de estrutura.

A este respecto, a CIG insiste en que a única solución para acurtar os tempos de agarda para o recoñecemento das prestacións da lei de dependencia é dotar de persoal aos servizos de dependencia e discapacidade e darlle participación activa na configuración dos procedementos de concesión e recoñecemento; e por iso reclama a creación de novos equipos conformados por persoal médico, psicólogo/a, traballador/a social.