A CIG apoia as mobilizacións de SOGAPS contra a empresa marroquí que ursurpa o nome da cidade de Dajla
A CIG faise eco das denuncias realizadas por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e a Delegación Saharauí en Galiza, en resposta á actitude da organización da XX feira CONXEMAR en Vigo, que non quixo atender á petición de modificación e mantén como sede dunha empresa marroquí a cidade de Dajla, unha cidade saharauí ocupada “ilegalmente” por Marrocos. Deste xeito, a organización da feira de produtos do mar conxelados lexitima o saqueo das riquezas mariñas do Sáhara, en contra das normas do dereito europeo e internacional.
A empresa, chamada “Atlas Pelagic”, participa nesta feira, que se celebra desde onte, día 2, até o 4 de outubro. A CIG considera inaceptábel que se permita a súa participación, cando está a roubar os recursos naturais do Sáhara Occidental, e violando as múltiples sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo que, en máis dunha ocasión, deixou claro que o Sáhara Occidental (onde está ubicada a cidade de Dajla) non está suxeito á soberanía do Reino de Marrocos. Por todo isto, calquera entidade europea que contribúa ao saqueo ilegal do Sáhara Occidental poderá ser denunciada ante os xulgados, por favorecer de forma indirecta (ou directa, neste caso) a ocupación ilegal do Sáhara Occidental.
Este foi, precisamente, un dos temas nos que incidiron as organización sindicais europeas (entre as que estivo a CIG) e saharauís que participaron nun encontro en Bruxelas e que concluíu cunha petición expresa á Comisión Europea para que poña fin a este tipo de situacións e prácticas polas empresas e a inacción dos estados membros.
Ningún país no mundo recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental, e as resolución da ONU son moi claras ao respecto, por moito que Marrocos estea a incumprilas reiteradamente.
Así pois, a CIG pídelle á organización do evento que se opoña á participación desta empresa por dereito e polo prestixio da feira. A central solicita que, cando menos, CONXEMAR aclare que Dajla é unha cidade saharauí e non marroquí; que respecte a soberanía dun pobo que leva máis de 43 anos agardando a que se resolva o conflito e padecendo a represión e o exilio por culpa do Reino de Marrocos.
Por iso, a CIG apoia as mobilizacións convocadas por SOGAPS e a Delegación Saharauí en Galiza prevista para este mércores, 3 de outubro, ás 16 horas diante do recinto feiral IFEVI.