A CIG apoia as demandas do Movemento Galego da Saúde Mental e dá unha badalada pola prevención do suicidio

O MGSM lembra así que unha persoa morreu ese día en Galiza por suicidio e demanda medidas inmediatas do Sergas
Compostela - 27 Mai 2016
Todos os  días o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), realiza un acto, ás 20:00 horas, ao pé da catedral de Santiago que forma parte da campaña Badaladas pola prevención do suicidio. Con cada badalada lémbrase que unha persoa morreu por esa razón en Galiza e denúnciase que non se fixo nada dende a Xunta para cumprir coa  orientación da OMS de desenvolver o Plan Galego de Prevención do Suicidio. Este xoves a badalada deuna a CIG.

PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!

A morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública. Case tódolos días do ano morre por suicidio unha persoa en Galicia.

A cantidade de persoas falecidas por esta causa aumentou dende o comezo da crise, tanto no Estado español como en Galiza, chegando a ser a principal causa de morte “externa” no noso país segundo o Instituto Nacional de Estatística.

A maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con frecuencia afecta á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de algo mellor por diante, soidade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais  e  emocionais,...), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda,...

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 aos gobernos dos países europeos que a crise conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sofren,  e de apoio ás familias. No noso país fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predición cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma. Hoxe as investigacións desenvolvidas en Galicia así o confirman.

En 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a tódolos gobernos para que desenvolveran estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. Hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país. O  goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ó respecto.

O compromiso de toda a sociedade na prevención é fundamental. A obriga do Goberno da Xunta de Galicia é ineludible.  Urxe o Plan Galego de Prevención do Suicidio.

Movemento Galego de Saúde Mental

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.