
A CIG apoia as concentracións en repulsa ao asasinato dunha educadora social e na demanda de máis protección

A CIG, central sindical maioritaria no sector de reforma xuvenil e de protección de menores en Galiza, apoia as concentracións deste xoves 13 de marzo nas tres universidades galegas (que se desenvolverán nos campus da Coruña, Ourense e Santiago) en rexeitamento ao asasinato dunha educadora social nun piso tutelado en Badajoz e en solidariedade coa familia e os compañeiros e compañeiras da vítima.
Concentracións diante das facultades de educación das universidades públicas galegas:
- A Coruña (Campus Elviña).
- Lugo (Centro Asociado da UNED).
- Santiago de Compostela (Campus Vida e Campus Norte).
- Ourense (Campus as Alagoas, diante do edificio de Ferro).
A central sindical condena calquera tipo de agresión contra as traballadoras e traballadores destes centros, máis neste caso que se dá na súa máxima expresión, o asasinato dunha persoa. A CIG segue a reivindicar máis protección e vixilancia nos centros de intervención social, que se reforce o persoal na atención directa, a baixada nas rateos para unha mellor atención, ademais doutro tipo de melloras de ámbito laboral e social.
A CIG-Ensino leva anos denunciando a falta de cobertura de baixas, o infrafinanciamento dos recursos tanto materiais como persoais, a externalización na prestación destes servizos que deberían ser de xestión directa e pública, o estado das instalacións, en moitos casos obsoletas e sen o acondicionamento adecuado, a precariedade laboral, así como o exceso de rateos en todos e cada un dos centros.
Resulta especialmente grave o desinterese das administracións públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza que ten as competencias nesta materia, á hora de destinar os orzamentos suficientes para atender ás e aos menores, tanto no relativo ás tuteladas como ás que teñen que cumprir algún tipo de medida xudicial ou de reforma, cando son un colectivo altamente vulnerábel e en risco social.
Os servizos sociais están totalmente esquecidos pola Consellaría de Política Social, como evidencia que a día de hoxe a CIG-Ensino segue sen ter resposta da conselleira Fabiola García á petición de reunión para tratar a situación dos centros de menores na Galiza, a pesar de ter reiterado esta solicitude en diversas ocasións e malia a entrega de máis de 500 sinaturas (o 60% do persoal) instando a unha mellora das condicións laborais e sociais e á negociación dun convenio galego que dea resposta ás necesidades, preocupacións e intereses do persoal traballador.