A CIG apoia a marcha pola liberdade do pobo saharauí convocada para este domingo en Compostela
A CIG traslada o seu apoio e anima a participar na manifestación convocada para o próximo domingo, 9 de maio, en Compostela pola liberdade do pobo saharauí e para esixir que, dunha vez, se convoque o referendo de autodeterminación para que este territorio deixe de ser "a última colonia de África". A mobilización sairá ás 10 horas do Monte do Gozo e rematará na Praza do Obradoiro onde se procederá a dar lectura ao manifesto reivindicativo.
Como ben se lembra no manifesto de apoio á convocatoria, o Sáhara Occidental, antiga provincia española, leva máis de 45 anos "entre o exilio, a represión e ocupación, sen que se lle dea unha solución de conformidade co Dereito Internacional". Un espolio e abandono agravado pola actual situación de guerra provocada pola violación do “alto o lume” por parte de Marrocos, que incrementou o acoso e a brutalidade con que o aparello de represión marroquí trata á poboación civil, a activistas e a xornalistas saharauís.
Responsabilidade do Goberno español
Mentres isto acontece, o goberno español elude a súa responsabilidade e os organismos internacionais, coa ONU á cabeza, "miran cara a outro lado mentres se vulneran sistematicamente os dereitos humanos na zona ocupada por Marrocos".
Por iso, con esta marcha quérese instar o goberno español a cumprir coas súas obrigacións "como potencia administradora do territorio saharauí pendente de descolonización para que a poboación saharauí poida acceder á súa liberdade e independencia", así como recoñecemento formal do estatus diplomático do Frente Polisario, como único e lexítimo representante da República Árabe Saharauí Democrática.
De igual xeito, con esta mobilización ínstase ás empresas españolas "a que deteñan a súa actividade de espolio no Sáhara Occidental, non só por contravir o Dereito Internacional, senón porque o único dono lexítimo deses recursos e o seu representante legal é a Poboación Saharauí, cuxos dereitos fundamentais están sendo atropelados".