A CIG apoia a ILP para unha regularización extraordinaria de persoas estranxeiras
A CIG amosa ou seu apoio á Iniciativa lexislativa popular por unha regularización extraordinaria de persoas estranxeiras e chama a participar no acto público de lanzamento deste campaña que terá lugar o vindeiro sábado 19 de febreiro en Compostela. O acto, organizado polo comité galego de promoción da ILP #RegularizaciónXa, terá lugar na Praza de Cervantes entre ás 12:00 e ás 14:00 horas e incluirá, ademais da recollida de sinaturas, un concerto-recital coa intervención de diferentes artistas baixo o lema: 500.000 sinaturas para 500.000 sinaturas en situación irregular.
A partir desta data, a CIG tamén disporá en todos os locais sindicais do país de pregos de sinaturas para as persoas que queiran sumarse a esta ILP.
O comité galego explica que o lema escollido recolle o obxectivo da Iniciativa de conseguir a esta cantidade de sinaturas no conxunto do Estado español para que o Parlamento tramite a ILP dirixida a lograr que aproximadamente medio millón de persoas en situación de irregularidade administrativa e na máxima situación de exclusión legal e social, poidan acceder a dereitos básicos.
Tal como se recolle na exposición de motivos da ILP, de acordo coas estimacións máis recentes, no Estado español residen de maneira irregular entre 390.000 e 470.000 persoas, das cales unha terceira parte serían menores de idade.
Pero o sistema de acceso á residencia contemplado na lei de estranxeiría O 4/2000 "resulta insuficiente e limitado e non se axusta á realidade actual das persoas migrantes que viven e traballan no Estado español". Isto é debido, sublíñase, a que, por unha banda, os criterios de acceso á residencia son altamente restritivos e de moi difícil cumprimento, e por outra, o procedemento administrativo implementado é lento, burocrático e conta cunha elevada marxe de discrecionalidade á hora de conceder as autorizacións ou a súa renovación.
Esta dinámica "xera unha espiral de vulnerabilidade e desprotección que acrecenta a exclusión social e impacta no conxunto da sociedade. Por iso,consideramos imprescindíbel a procura de mecanismos que garantan que ditas persoas poidan saír da situación de invisibilidade e “non dereitos” como consecuencia do status migratorio irregular".