A CIG apoia a convocatoria de folga do 24 de xaneiro en Arxentina contra o decretazo e a 'Lei ómnibus' do Goberno de Milei
A CIG quere trasladar todo o seu apoio e solidariedade coa convocatoria de folga e mobilizacións que as organizacións sindicais da Arxentina CGT, CTA-Autónoma, CTA dos Traballadores e Traballadoras e outras centrais convocan para o vindeiro 24 de xaneiro.
A central galega tamén traslada o seu apoio con todas as mobilizacións que se están levando a cabo nas rúas organizadas por diferentes movementos sociais, e que están tendo unha resposta represiva sen precedentes, cun despregue policial desproporcionado, detencións arbitrarias, identificacións e rexistros de participantes e transportes, ameazas etc.
Actuacións que pretenden criminalizar a lexítima protesta, intimidar a cidadanía e sinalar as persoas das organizacións que lideran ditas mobilizacións. Estas actuacións representan un claro exemplo de neofascismo e traen á memoria os peores tempos da ditadura.
As medidas deste Goberno de Milei e Macri, máis alá de atacar os dereitos da clase traballadora arxentina e poñer en risco a soberanía do país coa venta das principais empresas estatais, pretenden tamén xerar unha situación de hiperinflación que provoque un incremento dos niveis de pobreza, a desesperación da cidadanía e, en definitiva, o conflito na convivencia e o enfrontamento dentro das clases populares.
As 10 medidas anunciadas polo ministro de Economía, Luís Caputo, entre as que se atopan a devaluación brutal do peso; o Decreto de Necesidade e Urxencia (DNU) -de dubidosa legalidade- que pretende modificar ou derrogar 366 leis; a Lei de Bases e Puntos de Partida para a Liberdade dos arxentinos, anunciada polo voceiro presidencial, Manuel Adorni, que pretende, entre outras cousas “declarar a emerxencia pública en materia económica, financeira, fiscal, previsional, de seguridade, defensa, tarifaria, enerxética, sanitaria, administrativa e social ate o 31 de decembro de 2025 (que poderá ser prorrogado por dous anos”), e pola cal Milei tería durante os seus catro aos de goberno a potestade de decidir sobre todos estes temas sobre os que hoxe só pode lexislar o parlamento; a declaración de suxeitas a privatización de todas as empresas públicas; o despedimento de entre 5.000 e 7.000 traballadores/as do sector público; ou os límites para exercer o dereito reunión e manifestación; son unha chea de argumentos que xustifican a necesidade da mobilización social para poñer freo a esta avalancha neoliberal e neofascista que ataca aos sectores máis humildes da sociedade arxentina.
Por todo isto, e tal como manifesta algún dos líderes sindicais convocantes, “a democracia deféndese exercéndoa. A clase traballadora e o pobo teñen memoria, e teñen tamén a capacidade para construír o futuro que queremos para todos e todas”.
A CIG está coa loita da clase obreira arxentina e coas organizacións sindicais e sociais que convocan as mobilizacións na defensa dos seus dereitos. Todo o noso apoio.
Contra estas medidas do Goberno de Milei, coa xente nas rúas, a loita continúa!