A CIG apoia a campaña internacional para liberar os restos dos/as mártires palestinos/as:
Máis de 150 organizacións de todo o mundo, entre elas a CIG, apoian a campaña internacional para liberar os restos das persoas mártires palestinas nesta semana de acción, do 11 ao 18 de marzo. Os partidos políticos, os sindicatos, os movementos palestinos, os grupos de solidariedade, as organizacións antiimperialistas e as coalicións contra a guerra uníronse para defender as familias palestinas, esixindo a liberación dos corpos dos seus seres queridos, detidos durante anos e décadas pola ocupación israelí.
Hai 256 mártires palestinos/as cuxos cadáveres están documentados nos "cemiterios de números", onde son enterrados con números, en lugar dos seus nomes, mentres que outros 131 corpos de mártires palestinos/as están retidos/as nas morgues da ocupación.
Estes mártires deron a súa vida no movemento de resistencia palestino, e os seus corpos permanecen presos, mesmo despois da súa morte. Varios destas persoas mártires foron encarceradas antes da súa morte, e esta batalla segue sendo parte integrante do movemento de prisioneiros/as palestinos/as.
Ese é o motivo do lanzamento desta campaña internacional para liberar os restos detidos nas morgues e nos "cemiterios dos números" da ocupación sionista.
Como aseverou Azhar Abu Srour: "non abandonaremos o último deber que debemos aos nosos fillos, enterralos con dignidade". Azhar Abu Srour é a nai do mártir Abd al-Hamid Abu Srour que estivo encarcerado nas morgues da ocupación desde 2016.
» Información da campaña e listaxe de organizacións que a apoian