A CIG apela á serenidade, a actuar con urxencia na prevención e a articular medidas que eviten o menoscabo de dereitos laborais polo coronavirus
A CIG trasladou esta tarde as súas valoracións a respecto das medidas a adoptar diante da pandemia de coronavirus, na xuntanza convocada polos conselleiros de Sanidade e Economía, Emprego e Industria. Neste sentido o secretario xeral, Paulo Carril, insistiu na necesidade de transmitir serenidade, trazar unha axenda galega, sen agardar ás decisións que se adopten en Madrid, garantir medidas de protección para todas as traballadoras e traballadores e impedir que os cambios nos sistemas de traballo que se introduzan como medida de prevención menoscaben os dereitos e condicións laborais.
O secretario xeral comezou subliñando a necesidade, sendo desde a CIG conscientes da dificultade, de facer un esforzo en pedagoxía social para transmitir tranquilidade, fronte o alarmismo que está instalado na sociedade. “Que todas políticas de prevención e todas as cautelas e decisións que se adopten sexan explicadas para que se manteña a serenidade”, apuntou.
Xunto a isto, recalcou a necesidade de que se reforcen con persoal e medios os centros sanitarios, hospitalarios e os propios servizos de prevención do ISGA.
Ademais emprazou a articular unha dinámica propia en Galiza, “tendo en conta que non somos das zonas máis afectadas, o que nos permite ter unha perspectiva propia e aproveitarmos a oportunidade para irmos por diante do que poida decidirse no ámbito do Estado”.
Reforzo da prevención
A partir de aí, Carril apuntou a necesidade de actuar fundamentalmente no ámbito da prevención e “preservar que haxa as mesmas medidas de protección para os traballadores e traballadoras, tanto das empresas principais como das empresas auxiliares, garantindo que estean en igualdade de condicións e dispoñan dos mesmos medios”.
Para o secretario xeral da CIG é esencial, ademais, que todas aquelas medidas que se articulen vinculadas a teletraballo, modificacións de xornada ou cambios relativos aos sistemas de traballo, “non sexan aproveitados polas empresas para impor recortes de dereitos ou deteriorar as condicións laborais”.
Regulación insuficiente
Xunto a isto, considerou que a regulación que está a facer o Estado para os casos de traballadoras ou traballadores afectados xera situacións que “prexudican máis que protexen aos traballadores/as”, nomeadamente a continxencia que causa unha incapacidade temporal. A este respecto subliñou que “ten que garantir unha prestación equivalente aos salarios que se cobran por parte dos traballadores e das traballadoras, contemplando os complementos salariais dos convenios colectivos en función de como se cualifique a baixa porque “tal e como os ten definido no Ministerio de Traballo pode provocar que haxa traballadores que cobren por esta continxencia menos que o que lle corresponde por convenio colectivo”. Por iso demandou que, desde Galiza se fagan ao Estado propostas que vaian nesa dirección.
Canda isto apuntou a alarma social que xeran as posibles afectacións en centros educativos e, sobre todo, as dificultades para nais e pais, nomeadamente no caso de familias monoparentais, da suspensión da actividade lectiva.
Por iso demandou que se prevea “que permisos especiais e que protección se lles dá a pais e nais para poder exercer ese deber inexcusábel da tutela efectiva das crianzas, porque non se pode pretender que sexan os avós e avoas quen os coiden sendo a poboación de maior risco”.
Efectos colaterais
Paulo Carril advertiu ademais dos danos que poidan derivar deste virus, en caso de falla de materias primas e subministros, e exixiu que “non sexan aproveitados polas empresas para aplicar ERES, ERTES ou descolgues salariais, garantindo a necesaria protección para as traballadoras e traballadores”. Fronte a isto propuxo que se demande do Estado unha solución que non prexudique ás traballadoras e traballadores.
O secretario xeral da CIG trasladou ademais a proposta de que sexa a administración pública galega “pioneira” e “modélica” no establecemento dos mecanismos necesarios para facilitar a reordenación do traballo na administración pública sen merma de dereitos e promovendo a maior prevención posíbel cara evitar o contaxio.