A CIG anuncia a convocatoria de folga no metal da Coruña ante as pretensións da patronal de recortar dereitos
Traballadores e traballadoras do sector do metal manifestáronse esta tarde na cidade da Coruña para esixir un convenio provincial digno e rexeitar as pretensións da patronal de recortar dereitos salariais e sociais consolidados. A mobilización, convocada pola CIG-Industria e con carácter provincial, saíu pasadas as 20 horas da Casa do Mar e rematou diante da sede da patronal coruñesa en Monelos, onde se avanzou a convocatoria inminente de folga no sector.
O convenio do metal da Coruña está en ultravixencia dende finais de 2019 e malia a multitude de reunións da mesa de negociación, neste tempo non se produciron avances significativos, polo que os traballadores e as traballadoras levan dous anos perdendo poder adquisitivo e dereitos. Diante desta parálise, a CIG-Industria defende a necesidade de retomar a mobilización, sobre todo despois da proposta de recortes coa que o empresariado apareceu na última reunión do convenio, que tivo lugar na tarde deste mércores.
“Xa non se trata de que a patronal se negue a asumir ningún avance no convenio, senón que onte nos presentaron unha proposta que supón unha auténtica burla para os traballadores e as traballadoras do metal”, denuncia a CIG-Industria. Deste xeito, e con todas as dificultades para avanzar na actual negociación, a patronal propón agora un convenio cunha vixencia de seis anos, que nunca se puxera enriba da mesa.
Ademais, “inventa” un novo concepto de revisión salarial, suprimindo a cláusula de revisión anual sobre o IPC, para pasar a calcular os incrementos segundo unha media dos IPC dos pretendidos seis anos de convenio “co único obxectivo de non incrementar as táboas salariais, precisamente cando a carestía da vida está medrando de maneira descontrolada”. De feito, segundo “as estimacións máis cautelosas” realizadas pola central sindical, con esta fórmula da patronal os traballadores e traballadoras poderían perder máis de 7.000 euros a final do convenio.
Por se non fora abondo, a patronal quere incluír tamén no convenio de siderometal da Coruña os peores aspectos da reforma laboral “para flexibilizar máis aínda a xornada laboral e precarizar cada día máis o sector”.
Por todas estas razóns, a CIG-Industria aposta por retomar e intensificar o camiño da mobilización e xa anunciou a convocatoria inminente de folga no sector, pois tal e como aconteceu na negociación do convenio no ano 2017, “só sumando cada vez máis compañeiros e compañeiras á loita poderemos conseguir avances e melloras nos nosos dereitos”.
Neste senso, a CIG-Industria fai un chamamento ao resto de organizacións sindicais e ao conxunto do persoal para que se sumen a esta folga “á que nos abocou a patronal. Non nos deixan alternativa, ao igual que fixeron as compañeiras da conserva ou das residencias temos que loitar a través da folga para lograr un convenio digno para o metal”.