A CIG, ante as eleccións galegas e o Día da Patria
O próximo 25 de xullo é o Día da Patria Galega, que este ano 2020 vén marcado pola celebración das eleccións galegas. O 12 de xullo temos nas nosas mans a posibilidade de superar as nefastas políticas económicas, sociais, industriais e laborais dos Gobernos do PP, que teñen levado Galiza á ruína, e que se teñen demostrado aínda máis fatídicas na actual situación de emerxencia sanitaria.
Dende o inicio do estado de alarma, Feixoo renunciou a exercer de presidente de Galiza e funcionou como un recadeiro do ditado polo Goberno español ou Bruxelas, “encantado” coa retirada das competencias autonómicas e a centralización da toma de decisións en Madrid, malia a fraudulenta imaxe reivindicativa ante o Executivo de Sánchez que pretende transmitir e coa que só busca rendemento electoral.
Son necesarias políticas públicas que concentren os recursos en favor da saúde e dos intereses da poboación
A nula vontade de Feixoo nestes anos agudizouse coa grave situación que vivimos na pandemia, sumando día a día actuacións sectarias, desprezo polas institucións galegas e facendo unha xestión ditatorial, adoptando medidas sen someterse a ningún tipo de control institucional nin democrático.
En pleno proceso da chamada “nova normalidade” as receitas do PPdG para afrontar a durísima crise —na que xa estabamos de cheo antes da pandemia— seguen a ser as mesmas: fomento obsesivo do sector servizos como único motor económico; pasividade ante a crise demográfica; ausencia dunha política industrial; entrega dos nosos recursos financeiros e naturais ao servizo de grandes multinacionais e inacción ante a inxusta e imposta transición enerxética; e continuísmo nas políticas de recortes e privatizacións dos servizos públicos, do ensino, da sanidade, dos servizos socias e dos coidados ás persoas.
É urxente rematar con estas políticas que se nos impoñen e que non crean o emprego que se destrúe; que se limitan a fomentar o macroturismo no Camiño de Santiago e a eucaliptización do país; que lexislan en favor das grandes corporacións, afondando así na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais que inciden na precariedade, na pobreza laboral e na emigración como única alternativa para a mocidade.
Dereito de autodeterminación
Son necesarias políticas públicas que concentren os recursos en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais; unha banca pública galega; unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que potencie os nosos sectores agrario e pesqueiro, que defenda un monte galego con futuro e que promova proxectos industriais que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo que o valor engadido quede aquí. Reclamamos unha verdadeira transición enerxética, que para ser xusta e galega ten que poñer os nosos recursos enerxéticos e naturais ao servizo dun desenvolvemento industrial sostíbel social, territorial e ambientalmente.
Apostamos polo dereito de autodeterminación e porque teñamos unhas institucións ao servizo das maiorías sociais
Xa é hora de avances reais nos dereitos das mulleres, e duns servizos públicos universais e de calidade e dun sistema público galego para a atención e os coidados de todas as persoas, erradicando a mercantilización dos servizos públicos.
Desde a CIG, por todas estas razóns e ante o próximo 25 de Xullo, Día da Patria Galega, apostamos polo dereito de autodeterminación e porque teñamos unhas institucións ao servizo das maiorías sociais, que sexan fiel reflexo da plena soberanía do pobo galego para poder decidir sobre o que afecta ás nosas vidas como clase traballadora e como nación.
Para facer realidade esta demanda é necesario un cambio de Goberno, un cambio de políticas coa firme e decidida vontade de superar o actual sistema autonómico baseado na dependencia e submisión de Galiza a Madrid, porque necesitamos avanzar cara a unha saída á crise favorábel ás maiorías sociais, dotar dun futuro digno a clase traballadora e o pobo galego.
Diante disto, e de igual maneira que apostamos porque a CIG sexa a primeira forza sindical en Galiza en representación e mobilización, chamamos a participar nas próximas eleccións galegas votando polas forzas políticas nacionalistas e de esquerdas, para que as nosas reivindicacións e demandas sexan realidade no Parlamento galego e nas políticas que se leven adiante para garantir o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.