A CIG anima a participar na lectura dos nomes das crianzas asasinadas en Gaza organizada por Galiza por Palestina

Este venres 24 de outubro, dende ás 10 horas, na Praza do Toural
Nacional - 23 Out 2025

A CIG fai un chamado a participar da acción que a Asociación Galiza por Palestina vai realizar este venres 24 de outubro en Compostela, que consistirá na lectura dos nomes das crianzas asasinadas en Gaza. Baixo o lema “Os nomes, para que a súa memoria non se borre”, dende as 10h, instalarase na Praza do Toural unha carpa e punto de lectura para esta acción de homenaxe ás vítimas infantís da Faixa, máis de 19.500 menores, segundo datos do Ministerio de Saúde de Gaza de setembro pasado, entre as que máis de 1.000 eran menores dun ano.

A Asociación Galiza por Palestina salienta que organizacións como Save the Children informaron tamén en setembro de máis de 20.000 persoas menores de 16 anos asasinadas. Pola súa parte, a relatora especial da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados, Francesca Albanese, advertiu que o número real de vítimas en Gaza podería ser dez veces superior ao rexistrado oficialmente, acadando as 680.000 persoas, das cales 380.000 serían crianzas menores de cinco anos.

Ademais da ONU, organizacións como Human Rights Watch e Amnistía Internacional denunciaron estes crimes. Recentemente, a Asociación Internacional de Estudosos do Xenocidio (IAGS), que agrupa arredor de 500 especialistas de todo o mundo, concluíu que Israel está a perpetrar un xenocidio en Gaza baixo o amparo dunha ofensiva militar.

A pesar do chamado “Plan de Paz”, Israel non cesa o asasinato diario de civís en Gaza nin detén a súa ofensiva e ocupación ilegal en Cisxordania, denunciada desde hai máis de 77 anos. Tamén se denuncia a detención sen cargos de centos de menores palestinas, verdadeiras reféns, que permanecen en prisións israelís.

Ante a inaceptábel situación que sofre o pobo palestino, cómpre manter e intensificar as accións de denuncia dos crimes de guerra e das violacións dos Dereitos Humanos en Gaza e no conxunto de Palestina.