A CIG anima a participar na concentración deste sábado en Cangas polo futuro da pesca e dos pobos pesqueiros
A CIG apoia e fai un chamamento a participar na mobilización convocada para o próximo sábado, 11 de maio, en defensa do futuro da pesca e dos territorios costeiros amplamente dependentes desta actividade e para alertar do impacto que terán sobre os ecosistemas os proxectos para a implantación da enerxía eólica mariña. A concentración, convocada pola Confraría de Pescadores San Xosé, realizarase ás 12h diante da lonxa de Cangas.
A CIG reitera que o actual modelo de implantación de enerxías renovábeis carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado, e non obedece ás necesidades do país, nin respecta ás persoas nin o medio ambiente. Pola contra, reforza a concentración do poder da produción e da distribución de electricidade en mans de multinacionais foráneas da enerxía que se lucran a conta de espoliar o territorio e asoballar o pobo galego.
Por iso, a CIG séguelle reclamando ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que atenda as alegacións presentadas ao RD polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, nas que, entre outras moitas cuestións, a central sindical propuxo que se exclúan da eólica mariña os territorios que no ano anterior cumpriran os obxectivos de produción eléctrica con renovábeis fixados no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) de aplicación.
Deste xeito, apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "entendemos que se poderían preservar as nosas costas das instalacións de eólica mariña tendo en conta a potencia xa instalada e que Galiza cumpre sobradamente os obxectivos establecidos".
Explica que a CIG se dirixiu ao MITECO para solicitar a súa inclusión na mesa de traballo constituída o pasado mes para tratar co sector o desenvolvemento dos proxectos de eólica mariña e tamén trasladou unha petición de reunión coa ministra para a que, malia fontes ministeriais anticipar que se celebraría, "aínda seguimos agardando que se concrete unha data".
O secretario xeral subliña que "un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, non garantir que non existan repercusións negativas de carácter ambiental e ecolóxico, nin supor un prexuízo económico e social irreversíbel".
A este respecto, Carril denuncia que os plans de ordenación mariña aprobados polo MITECO, tal e como están concibidos, constitúen un retroceso, xa que non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños. Contra destes plans, a CIG formulou unha serie de alegacións que non foron atendidas e a Plataforma da Pesca e dos Ecosistemas Mariños ten interposto varias reclamacións e recursos xudiciais.
No actual escenario, a CIG chama a mobilizarse para conseguir unha Galiza libre de eólica mariña e para reclamar un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel, que entenda a enerxía como un dereito fundamental da sociedade e dos pobos para ter unha vida digna, que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación.