A CIG anima a asinar a iniciativa cidadá europea por unha lei que pare o comercio cos asentamentos ilegais
A CIG reitera o chamado a asinar a iniciativa cidadá europea “StopSettlements”, que precisa de recoller un millón de sinaturas para poder presentarse. A través desta proposta solicítase á Comisión Europea que tome medidas para parar o comercio con todos os asentamentos ilegais, entre eles os que se atopan nos territorios ocupados na Palestina.
A Iniciativa Cidadá Europea #StopSettlements está apoiada por unha ampla alianza de ONG, movementos de base, cargos políticos e sindicatos (ente os que se atopa a CIG), tanto a título individual como a través da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina.
Até o momento lévanse recollido máis de 230.000 sinaturas, polo que a CIG reitera o chamado a dar un pulo á campaña, lograr o millón de apoios e sacar adiante unha regulación que impida que se poida facer negocio coa ocupación.
Sobre o papel, a Unión Europea di oporse á anexión e considera os asentamentos ilegais nos territorios ocupados como un obstáculo para a paz e a estabilidade internacionais. Mais, aínda que estes constitúen un crime de guerra, a UE permite comerciar con eles. Ese comercio permite obter ganancias da anexión e contribúe á expansión dos asentamentos ilegais en todo o mundo.
Mediante esta proposta solicítase unha lei da UE que poña fin ao comercio con asentamentos ilegais dunha vez por todas. Esta lei afectaría ao comercio con produtos saqueados de territorios ocupados en calquera lugar, entre estes o territorio palestino ocupado e os asentamentos ilegais de Israel ou no Sáhara Occidental.
Este tipo de iniciativa é un recurso que ten a cidadanía da UE para proporlle á Comisión Europea un cambio lexislativo concreto, neste caso para deter todo comercio con asentamentos ilegais en territorios ocupados.