A CIG analiza en Montevideo “o papel das organizacións sociais diante do avance do neoliberalismo”
A CIG vén de participar como poñente -representada por Xosé Lois Rivera, responsable do Departamento de Internacional- no IV Cabildo Internacional, celebrado en Montevideo, Uruguai. Un encontro organizado polo Instituto de Formación Sindical “Enrique Barrios” e a Federación Uruguaia da Saúde (FUS), pertencente á PIT-CNT, no que se analizou o papel das organizacións sociais diante do avance do neoliberalismo.
O IV Cabildo Internacional arrincou o pasado día 29 de agosto cun Seminario Internacional que serviu de introdución ao tema central do encontro co obxectivo de identificar criterios para a formulación de propostas contra a precariedade e o deterioro das condicións laborais, por parte das organizacións sindicais, diante das experiencias dos gobernos neoliberais na rexión e no resto do mundo.
Rivera sinala que no encontro se subliñou que “a noción de precariedade está nos conceptos de incerteza, inseguridade e vulnerabilidade, impóndose a flexibilización das relacións laborais e a privatización da protección social, elementos que afondan na inseguridade social e a precarización asociada á perda de dereitos sociais e civís para a maioría da poboación”. Xunto a isto concordouse en que “a globalización imposta polos poderes multinacionais está gobernada por uns poucos estados nacionais e rachar con esta lóxica neoliberal só será factíbel se os movementos populares e sociais establecen estratexias mundiais comúns que conteñan tácticas nacionais: pensar globalmente, actuar localmente”.
Intercambio de análises sobre o avance do neoliberalismo
O Seminario Internacional tentou favorecer o intercambio de análises, promovendo un espazo para a reflexión arredor do avance de concepcións políticas neoliberais no continente americano e no mundo.
Os intervintes -o e conomista e profesor universitario Julio César Gambina; o sociólogo especializado en economía política e activista social Jorge Coronado Marroquín e o profesor de física, dirixente de ADES e deputado do Frente Amplio, Pedro Balbi- foron desgranando a situación política e económica na rexión e a nivel global; a nova orde do mundo capitalista; os trocos que se están a vivir na actualidade, como o tímido, pero interesante de México e López Obrador, a previsible caída electoral de Macri en Arxentina ou as consecuencias que o desastre ecolóxico na Amazonia pode traer económica e políticamente no Brasil.
Xunto a isto abordaron, entre outras cuestións, a situación de Venezuela, a resistencia de Cuba diante do bloqueo dos EEUU e o bloqueo, aínda que menos coñecido, tamén a Nicaragua, ademais da disputa pola supremacía económica entre Estados Unidos e a China, Rusia ou, nun futuro, posiblemente a India, a importancia das políticas fiscais progresivas como mecanismo para fomentar a igualdade.
Durante o día 30, e logo das intervencións do secretario xeral da FUS, Jorge Bermúdez; do secretario xeral da PIT-CNT, Marcelo Abdaba; o da MTSS, Nelson Loustaunau; de FFSP, Martin Pereira e de UNI Américas, Alan Sable, desenvolvéronse os dous paneis nos que participaron, ademáis da CIG, outros/as representantes sindicais.
Cada representante tratou de explicar a situación no seu país, en relación ao tema central do encontro. No caso de Galiza, o representante da CIG, Xosé Lois Rivera expuxo a situación do país, tanto desde o punto de vista laboral e económico, como polo feito de ser un país sen estado e as consecuencias que estamos a padecer os galegos e galegas polo dominio do estado español. Consecuencias que considerou “incrementadas despois por unha UE construída á medida do capital financeiro e para asentar gobernos neoliberais que defendan os seus intereses nos seus estados”.
Rivera valorou ademais a evolución, nos últimos anos, do sindicalismo en Europa e puxo sobre a mesa o camiño que a CIG entende que deben seguir as organizacións sindicais para poñerlle freo “a esta grande ofensiva do capital, que non pasa por outra vía que non sexa a da mobilización, como medida de presión, diante da progresiva perda de dereitos laborais e sociais”.
Xunto a isto denunciou que “o tan manido “Diálogo Social” ten demostrado non ser útil en si mesmo para a clase traballadora” e considerou que, para enfrontar con garantías a Negociación Colectiva, debe terse en conta o reparto de forzas das que cada parte dispón. “As nosas están na forza do traballo e a presión por medio da mobilización e a presenza na rúa”.
O responsábel de Internacional da CIG concluíu expoñendo o modelo sindical da CIG e valorou o sindicalismo de América Latina, en contraposición ao “tan institucionalizado de Europa neste intre”.
Mobilización polos dereitos laborais e de negociación colectiva
Antes de se iniciar todas as actividades desenvolvidas, as e os asistentes a este encontro internacional participaron na manifestación celebrada o día 27 de agosto, coincidindo coa xornada de paros, na defensa dos dereitos laborais e da negociación colectiva.
A PIT-CNT e os sindicatos das diferentes ramas e sectores, mobilizáronse contra o risco de que se poña en marcha unha reforma laboral que restrinxa os dereitos de negociación colectiva actuais no Uruguai, e suprima o Consello de Salarios.
Este organismo, posto en marcha polo goberno do Frente Amplio coa participación de patronais e sindicatos, xa cuestionado polas patronais na última Conferencia da OIT, pois é o garante de que a práctica totalidade dos traballadores e traballadoras de Uruguai (sobre todo dos sectores que quedan fóra da negociación colectiva) estean amparados na cobertura dos dereitos laborais e salariais e favoreceu que puideran ter, nos últimos anos, xunto a uns incrementos salariais dunhas porcentaxes importantísimas, unha actualización do SMI a cifras moi afastadas das que se manexaban hai poucos anos.
Xuntanza co ESNA
A CIG foi tamén convidada a participar das reunións do ESNA (Encontro Sindical Nuestra América), que se celebrou preto desas datas. Unha xuntanza coa que se deu cumprimento ao resolto na Habana, Cuba, con anterioridade, e co obxectivo de relanzar a plataforma e reafirmarse na “Defensa dos dereitos da clase traballadora e contra o avance do neoliberalismo na rexión e no resto do mundo”.
Segundo explica o representante da CIG, “trátase de traballar na construción dun diagnóstico da realidade continental e mundial, da arremetida imperialista, os procesos electorais ou as loitas sociais, entre outras cuestións, como temas centrais do debate”. Marcouse unha nova estratexia para relanzar o ESNA e concretáronse novos encontros, a partir do primeiro, que terá lugar coincidindo co Encontro Antiimperialista que se celebrará na Habana a principios do vindeiro mes de novembro.
Encontro con representantes da CTA-A Arxentina
Aproveitando a estancia pola rexión, o representante da CIG mantivo ademais un encontro con representantes da Central de Traballadores da Arxentina-Autónoma (CTA-A). Rivera lembra que a CTA sufriu unha escisión polo que “tratamos de contactar coas dúas. Ao final, unha das partes non puido acudir a Bos Aires, mais seguiremos mantendo as conversas a través doutros medios”.