A CIG analiza a doutrina da Carta Europea de Dereitos Sociais coa súa Asesoría Xurídica
A Confederación Intersindical Galega celebrou, o pasado venres, unha xornada de traballo coa súa Asesoría Xurídica para analizar a doutrina da Carta Europea de Dereitos Sociais no relativo a situacións de despedimento inxustas (indemnización axeitada, reparación apropiada ou función disuasoria, entre outras); gardas de localización e períodos de descanso, as discrepancias co Tribunal de Xustiza da UE na materia e como articular esta situación e a recepción desta doutrina por parte dos órganos xudiciais do Estado español.
Na xornada, que foi introducida polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril e máis polo avogado do Gabinete Xurídico nacional, Héctor López de Castro, interveu como poñente a profesora do Departamento de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat de València e membro do Comité Europeo de Dereitos Sociais, Carmen Salcedo.
Carril lembrou que desde o ano 2016 a CIG incorporou de forma firme e permanente na súa actuación e resposta sindical todo o relativo a facer valer a Carta Social Europea no Estado español.
Ese mesmo ano recibiu a visita de Luis Jimena Quesada, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Valencia e presidente do Comité Europeo de Dereitos Sociais entre os anos 2011 e 2014, para participar nunhas Xornadas co-organizadas coa UdC, grazas a Xosé Manuel Carril Vázquez, daquela profesor, hoxe catedrático acreditado de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que salientou a importancia da Carta Social Europea.
Desde ese ano a CIG vén facendo defensa da Carta Social Europea pola vía de reclamar a ratificación polo Estado español da versión revisada desta Carta e máis do Protocolo de 1995 relativo a reclamacións de carácter colectivo. Ratificación feita no ano 2021, mais non exenta de polémica “ante o despiste, que a CIG, entre outras organización e persoas, fixo chegar ao Goberno español cando tiña iniciados os trámites por esquecer o Protocolo de 1995 de reclamacións de carácter colectivo”.
Xunto a isto, a central sindical presenta, todo os anos, ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, os Informes sobre as medidas adoptadas polo Estado español para facer efectivas as previsións da Carta Social Europea.
Nese proceso de facer valer a CSE inseriuse esta xornada na que a profesora e membro do Comité Europeo de Dereitos Sociais, Carmen Salcedo Beltrán analizou coas avogadas e avogados da Asesoría Xurídica da CIG algúns dos seus aspectos máis salientábeis.
Compre lembrar que o CEDS, con sede en Estrasburgo, está composto por 15 persoas expertas independentes, entre as que está Carmen Salcedo. Este Comité é a instancia máxima de garantía da CSE de 1961, que vén sendo o complemento natural do Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950, que estabeleceu o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo.