A CIG vén de ampliar a súa maioría no comité de empresa de Unísono, centro de chamadas con sede en Vigo, ao obter 11 dos 23 representantes que se escollían nas eleccións sindicais celebradas o pasado xoves, quedando a un só delegado/a da maioría absoluta.
Este excelente resultado foi froito do intenso traballo sindical desenvolvido pola representación da CIG na empresa ao longo dos últimos catro anos, tendo que enfrontar ademais constantes atrancos tanto por parte da empresa como do resto dun comité “que estivo practicamente desaparecido”, tal e como denuncian dende a central sindical.
De xeito que os pouco máis dun milleiro de persoas traballadoras dos dous centros de traballo de Unísono en Vigo optaron maioritariamente pola candidatura da CIG, que colleitou 255 votos dos preto de 500 contabilizados no proceso.
A central sindical sumou un novo representante aos 10 que obtivera no anterior proceso
Deste xeito a central sindical contará con 11 representantes dos 23 que integran un comité de empresa que se completa con 6 delegados/as da CGT, 4 da UGT e 2 de CCOO. No anterior proceso a CIG sumara 10 representantes, CGT 8, UGT 3 e CCOO 2, aínda que un pacto entre as outras forzas deixou a central nacionalista sen a presidencia do comité.
Dende a CIG agradecen o apoio amosado polo cadro de persoal e adiantan que nos vindeiros meses intentarán que á dirección asuma unha serie de demandas laborais: rematar coa imposición de que os días de libranza teñan que ser separados; que persoas traballadoras adscritas ás campañas coa banca cobren cando menos como xestores/as e non como teleoperadores/as, xa que desenvolven as mesas funcións que os empregados/as de banca; e repartir de xeito igualitario os días libres en fin de semana e festivo entre todo o persoal, xa que na actualidade hai persoas traballadoras que teñen menos descansos nestes días que o resto de compañeiros/as.