A CIG amosa o seu pesar pola morte do avogado vigués Gustavo García
A Confederación Intersindical Galega (CIG) amosa o seu pesar pola recente morte do avogado vigués Gustavo García Fernández e trasládalle o seu apoio á familia, compañeiros/as e amizades do finado. Dende a central salientan o compromiso do falecido na defensa dos dereitos da clase traballadora dende o gabinete xurídico da Unión Comarcal da CIG de Vigo e a súa intensa traxectoria como activista social vinculado a distintas causas.
Gustavo García foi secretario da Fundación Galega contra a Impunidade e participou en numerosas iniciativas sociais, políticas e mesmo humanitarias como a defensa das vítimas das ditaduras militares española, chilena, arxentina ou uruguaia, a favor da independencia do Kurdistán ou contra a ocupación da República Árabe Saharauí Democrática.
O seu pasamento tivo lugar na illa de Fuerteventura, na que residía nos últimos tempos e onde exercía como letrado da rede solidaria 'Persoas marabillosas de Fuerteventura', que presta axuda aos máis vulnerábeis, tal e como salientaron os medios de comunicación locais canarios nada máis coñecerse a noticia.
Un nutrido grupo de familiares, compañeiros/as de profesión e amigos/as de Gustavo García participaron este domingo no acto de homenaxe celebrado na praia viguesa de Samil, durante o que se soltaron ao ceo globos na súa memoria.
Que a terra che sexa leve compañeiro!