A CIG amosa a súa solidariedade co pobo do Sáhara Occidental diante das provocacións de Marrocos
A Fronte Polisaria denunciou a mediados de agosto ante as Nacións Unidas movementos de tropas no Guerguerat, que Marrocos pretendeu xustificar como “operacións de limpeza” contra o “comercio ilegal”, aínda que finalmente revelou que o obxectivo era asfaltar un tramo de estrada que une Guerguerat e a fronteira do Sahara Occidental con Mauritania.
Estas manobras do goberno marroquí en territorio liberado (e totalmente silenciadas polos medios de comunicación españois) implican unha violación do acordo de cese do enfrontamento armado -asinado en 1991-, e parecen transmitir ás claras a intención de Marrocos de reclamar este territorio, rompendo o status quo actual e vulnerando os lexítimos dereitos do Pobo Saharauí.
Ante esta agresión e a falta de actuacións por parte da ONU, a Fronte Polisaria acordou tomar medidas, mobilizando efectivos cara esa zona. É entón cando a Misión das Nacións Unidas para o Referendum do Sahara Occidental (Minurso) acode á área para comprobar a situación. Finalmente, as tropas marroquís son expulsadas, evitándose así que estoupe novamente un conflito armado, por mor das provocacións do Reino de Marrocos.
Diante desta nova agresión á soberanía do Pobo Saharauí a CIG maniféstalle a súa solidariedade e apoio para que vexan satisfeitas as súas lexítimas e xustas aspiracións como pobo que loita pola súa autodeterminación. De igual xeito, demanda das Nacións Unidas a posta en práctica inmediata das medidas necesarias para que o Pobo Saharauí poida expresarse libremente nun referendo de autodeterminación sistematicamente bloqueado por Marrocos.