A CIG amosa a súa preocupación pola situación do persoal de Linorsa tras a entrada da empresa en concurso de acredores
A central tivo coñecemento até hoxe de que Linorsa solicitou a entrada voluntaria en concurso de acredores o pasado 19 de abril, “e iso que o día 18 mantivemos unha xuntanza coa empresa na que nos negaron esta posibilidade”. Entenden que as débedas que a empresa mantén dende hai anos coas traballadoras/es -arredor de 1200 en todo o país- van ser moi difíciles de liquidar, “tendo en conta que no proceso prima o ben común sobre o individual, polo que o cadro de persoal sería o último en cobrar”.
Neste senso, lembran que a compañía ten unha débeda de 180 mil euros coa Seguridade Social e de preto de dous millóns con Facenda. Con todo, anuncian mobilizacións no caso de que Linorsa non pague as cantidades pendentes.
No caso de Vigo, as limpadoras/as dos colexios públicos e das dependencias do Concello aínda non cobraron a paga de marzo e as liquidacións das partes proporcionais das pagas e do salario de 20 días de abril. Ao resto adebédalles15 días de decembro, os salarios dos meses de febreiro, marzo, case todo abril e a paga de marzo. Na provincia de Pontevedra ten pendente de pagar os atrasos do convenio de provincial dos anos 2014 e 2015.
Dende a federación de Servizos da CIG de Vigo explican que esta situación de impagos prodúcese dende agosto de 2014 e lembran que as limpadoras/es mobilizáronse en repetidas ocasións para denunciar a súa situación e reclamar que a Administración tomase cartas no asunto. “A pesar de que miraron para outro lado, mantiveron as protestas diarias diante do Concello durante máis dun mes e medio, conseguindo o cambio da concesión”.
Do mesmo xeito, o persoal de Pontevedra e o de Santiago tamén protagonizou numerosas mobilizacións, e o de Lugo iniciou unha folga indefinida hoxe mesmo.
Finalmente, insisten en que todo isto non tería pasado se a empresa tivese entregado a documentación económica e o Goberno local velase polo cumprimentos dos pregos de condicións, “porque houbo embargos das facturas que foron ocultados intencionadamente polo Concello, o que tería sido motivo para rescindir o contrato”.