A CIG amosa a máis firme repulsa polo despedimento dun membro do comité de GFS Security Group
A CIG-Servizos acaba de ter coñecemento da comunicación de despedimento recibida por un dos membros do comité provincial en GFS Security Group, que continúa na súa deriva represiva contra o persoal subrogado no noso país, "ostentando o dubidoso orgullo de ser unha das empresas que máis ataques orquestra contra o persoal en tan pouco tempo".
En tan só dous meses, lembra Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, a empresa acumula denuncias na Inspección de Traballo e diversas demandas por inducir a fraude ao persoal na formación en Prevención de Riscos Laborais, modificar substancial e unilateralmente o calendario laboral anual sen abrir período de consultas coa representación social, non entregar en tempo e forma os EPI e tamén por comunicar a tres compañeiros do servizo unha licenza retribuída por uns feitos que se estaban a investigar e dos cales serían notificadas as repercusións que terían ao seu debido momento.
Represión para que o persoal non reclame os seus dereitos
Dos tres traballadores apercibidos, engade Rodríguez, a carta de despedimento chegoulle de momento só ao membro do comité provincial. Nesa carta aléganse unha serie de incumprimentos a respecto das súas obrigas coa arma reglamentaria que teñen que portar no servizo, mais o motivo real dese despedimento non é outro que "intentar calar os membros do comité que non lles rin as grazas a esta empresa, tratando de reprimir todo tipo de acción sindical digna e defensora dos intereses do persoal dentro da empresa".
A CIG traslada o firme apoio ao compañeiro e continuará convocando mobilizacións para que se respecten os dereitos laborais e salariais do persoal e para exixir a readmisión inmediata do traballador, ademais das accións na vía xudicial para reclamar a nulidade despedimento. A CIG-Servizos amosa "a nosa repulsa máis enérxica contra este tipo de accións da empresa GFS que buscan calar a disidencia e amedrentar o resto do persoal para que ninguén erga a cabeza na por medo a que lla seguen".