A CIG alerta dun caso de infección por parvovirus nunha traballadora embarazada das escolas infantís da Xunta
O sector de Autonómica da CIG-Administración tivo coñecemento hoxe do caso dunha traballadora dunha escola infantil da Xunta no sur da provincia de Pontevedra contaxiada por parvovirus. Dende a central levan tempo a reclamar que as empregadas en estado de gravidez sexan apartadas do risco unha vez comuniquen a súa situación, xa que este tipo de virus poden afectar o desenvolvemento normal do feto.
A CIG-Autonómica lembra que Mutua Gallega puxo recentemente en cuestión este tipo de riscos biolóxicos, “entorpecendo a tramitación suspensión de contrato por risco no embarazo”. Por iso denuncia que esta tardanza fai que as traballadoras estean expostas a riscos biolóxicos durante o primeiro trimestre do embarazo que poden afectar ao desenvolvemento normal do feto, como son o parvovirus, os virus boca-man-pé (coxsakie A16), papeiras, varicela, etc.
Dende a CIG levan tempo reclamando que as traballadoras das escolas infantís sexan apartadas do risco en canto comuniquen o seu estado. Porén, a Xerencia do Consorcio de Igualdade e Benestar, dependente da Consellaría de Política Social, “nin neste caso nin noutros que se están a dar agora apartou cautelarmente a traballadora do risco de contaxio mentres se tramitaba a baixa de suspensión de risco no embarazo”.
Sinalan que Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou unha sentenza en 2017 na que se recoñece o dereito individual dunha traballadora a prestación por risco durante o embarazo, regulada polo RD 295/2009, dende o momento no que se ten coñecemento desta situación por exposición a risco biolóxico.
“Ante estes incumprimentos, e logo da inacción da Consellería á hora de protexer ao seu persoal, acudimos á Valedora do Pobo e instámola a actuar”. Ao mesmo tempo, non descartan emprender as accións penais oportunas contra as persoas responsábeis dos danos que poidan sufrir estas traballadoras.