A CIG alerta sobre os incumprimentos laborais da construtora 'pirata' Redecnor Gestión
A CIG fai súas as protestas do persoal e dos provedores de Redecnor Gestión SL, empresa construtora radicada no polígono coruñés de Alvedro, e denuncia publicamente os seus flagrantes incumprimentos da lexislación laboral e das súas obrigas diante da Seguridade Social.
A central nacionalista acumula máis dunha ducia de denuncias de traballadores e ex traballadores polos impagos e incumprimentos aos que foron sometidos por esta sociedade, e “cónstanos que os prexudicados son moitísimos máis, xa que o empresario trata de aproveitarse da situación de persoas que contrata nas capas sociais máis sensíbeis, algunhas delas sen sequera permiso de traballo ou que se ve obrigada a aceptar os abusos para conservar a residencia no noso país”.
En canto aos operarios, a práctica habitual desde que son “fichados” polo boca a boca ou mediante anuncios de emprego, é que comezan sen contrato ou cun contrato a media xornada cando logo en realidade deberán realizar xornadas maratonianas de até 10 horas, excesos de xornada que nunca se pagan nin compensan. Ademais, a empresa paga tarde, nunca aboou as pagas extraordinarias e case nunca concede vacacións. Se os operarios protestan, iso significa o seu cese fulminante na empresa, sen cobrar e por enriba aturando ameazas para intimidalos e disuadilos de denunciar.
Á CIG cónstalle que as prácticas desleais non só se centran no seu persoal, senón que se estenden a clientes e proveedores, empresas colaboradoras e mesmo de subministros, aloxamentos, etc, ás que deixaron tamén un rosario de impagos, que terán difícil resolución.
Desde que en marzo comezaran os primeiros afectados en organizarse para denunciar, o empresario foise desfacendo dun xeito máis que cuestionábel do seu persoal, e dos case 100 traballadores que chegou a ter nalgún momento do ano pasado ao seu servizo hoxe en día poderían ser menos dunha decena. O feito de que unha redución do persoal destas dimensións se teña feito de xeito individual resume ata que punto o persoal se atopa nunha completa desregulación laboral e contractual.
Empresas clandestinas
Ademais das súas prácticas fraudulentas no sector da construción, a CIG descubriu que a empresa ademais levaba meses operando clandestinamente nos sectores da carpintería da madeira e do metal, mediante dúas empresas que operaron clandestinamente nunha nave de Alvedro (Culleredo) desde aproximadamente xuño de 2021 ata a súa alta esta mesma semana: AVE Soluciones en Madera SL e Soluciones Metálicas Luicar SL, as dúas rexistradas a nome da compañeira de Javier, a tamén empresaria Eva Estévez Villaverde.
O persoal especializado contratado para as mesmas eran dadas de alta, en realidade, na propia Redecnor, para traballar nunhas instalacións non acondicionadas para a súa actividade e mesmo con graves deficiencias de seguridade, malia o cal chegaron a prestar servizos neste tempo en estreita relación con varias sociedades do entorno do antigo grupo Caamaño (hoxe, KIMAK) e dos seus directivos.
A situación dramática que están a xerar a moita xente non lles priva do estilo de vida ostentoso que gozan o empresario e a súa dona, que dispoñen dun chalé, unha flota de coches de luxo e até un iate, que agora ao parecer puxeron á venda nun portal web por case un cuarto de millón de euros.
Este comportamento empresarial sen ningún tipo de decoro nin asunción de responsabilidades polos seus feitos vén alimentado pola impunidade coa que xa actuaron no pasado, pois son artífices de sociedades que correron idéntica sorte á que parece agora abocada esta: Ambientes Coruña, Instalnor Gestión 2000 ou Nmano 2012, Veigue Gestión.
Neste sentido, os últimos movementos societarios publicados esta mesma semana no BORME apuntan ao abandono das súas sociedades por parte de Javier Aguilar, que pasan en case todos os casos a estar administradas pola súa dona Eva Estévez, a excepción da propia Redecnor. A CIG teme que isto signifique que acabe producíndose unha “espantada” por parte deste empresario para afundila definitivamente, atrapando nela os seus empregados e acredores, como xa pasou no pasado con outras empresas do sector (Globaltec, Enfoscados Norte, Camsoar) despois de que a CIG denunciase prácticas similares.
Asemblea de traballadores
Un grupo de traballadores e ex-traballadores de Redecnor vén de acordar nunha asemblea celebrada no local da CIG na Coruña organizarse e iniciar accións para denunciar publicamente os feitos, e reclamar as débedas que a empresa mantén con eles. Neste sentido, farase denuncia pública dos feitos e nas vindeiras semanas a asesoría xurídica da CIG presentará unha batería de reclamacións de despido e salarios, ás que calquera traballador ou ex-traballador da compañía está convidado a sumarse, poñéndose en contacto coa Federación de Construción e Madeira da CIG, que lembra que é reclamábel toda débeda salarial que non supere o ano de antigüidade así como as cotizacións de ata cinco anos.
A Federación da Construción tamén insta á Inspección de Traballo a actuar urxente e dilixentemente antes de que a situación se siga agravando e provocando máis vítimas, pois malia que as primeiras denuncias constan de marzo do ano pasado aínda non se lle puxo couto á actuación empresarial.