Alertan dos abusos da construtora Enfoscados Norte, que mobiliza operarios galegos a parques solares andaluces
A Federación da Construción e Madeira da CIG da Coruña vén de alertar sobre os graves abusos que está a cometer a construtora coruñesa Enfoscados Norte, con sede en Santa Comba, que contrata operarios galegos para participar na construción dun parque solar nas proximidades de Xerez da Fronteira. A central presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo polas condicións de explotación que padecen e os numerosos incumprimentos laborais por parte da empresa.
Os traballadores mobilizados son contratados especificamente para participar na construción das estruturas dun novo parque solar e desenvolveu o seu labor ás ordes da contrata principal, Área SL, que á súa vez traballa para a empresa promotora do parque, a alemá PUK Solar.
Segundo explican dende a FCM, os afectados por esta situación foron un continxente inicial de 15 operarios galegos da contorna da Coruña contratados para traballar na construción de parques solares en Andalucía, coa promesa dun bo soldo e todos os gastos pagos.
“Tras percorrer a Península en tres furgonetas, o seu periplo comezou en canto rematou a viaxe, ao descubriren que o restaurante no que supón que xantarían simplemente non existía”, sinalan.
Ademais, a empresa non lles facilitou EPI, roupa de traballo nin ferramentas, indicándolles que eles mesmos deberían adquirir todos os equipamentos necesarios para traballar. “Só despois de protestar ante o empresario, accederon a aboarlles unha dieta de 15 euros ao día, inferiores á metade do estipulado no Convenio da Construción e insuficientes para cubrir sequera a manutención”.
Condicións de explotación
As condicións laborais eran de “pura explotación”: traballo de sol a sol, sen acceso a auga potábel, a máis de 35º, sen descanso “e co encargado reprendéndoos ata por parar a beber, por perder o tempo”. De noite, a situación non era mellor, pois debían pernoctar “coma sardiñas en lata” nunha casa común onde os catres ocupaban até o salón da vivenda.
A todo isto hai que sumar o impago dos salarios xa na primeira mensualidade
Nunha ocasión un operario duns 20 anos desmaiouse, e cando os traballadores pararon para socorrelo foron inmediatamente reprendidos polos superiores, “prohibíndolle expresamente chamar unha ambulancia ou sequera avisar á seguridade da obra, ordenándolles apartalo a un lado até que se recuperara para poder seguir traballando”. A isto sumouse o impago dos salarios xa na primeira mensualidade.
Todo isto fixo que varios traballadores abandonaran o traballo para retornar aos seus domicilios na Coruña, mais outros permanecen na obra coa esperanza de que a situación se reconduza.
Finalmente, dende a CIG anuncian que seguirán vixilantes para “desenmascarar” os “piratas” que seguen operando no sector da construción, “e que se aproveitan do duro momento que atravesa o persoal para lucrarse a conta de explotar os seus obreiros”.