A CIG alerta do medre da temporalidade, da pobreza laboral e da dependencia da estacionalidade

O lixeiro descenso do desemprego vai acompañado dunha caída da afiliación á Seguridade Social
Nacional - 03 Dec 2024

O paro baixou lixeiramente, en 472 persoas, no mes de novembro rematando o mes cun total de 121.742 desempregadas. Cae, porén,  a afiliación á Seguridade Social, con 2.255 persoas afiliadas menos. Isto retrata, para a CIG, un mercado laboral cada vez máis precario, “con dentes de serra e dependente do emprego estacional e das necesidades dos diferentes sectores, sobre todo o de Servizos”.

Así o explica o secretario confederal de emprego, Francisco González Sío, para quen estes sectores “son demandantes de man de obra cunha contratación moi precaria e cun tipo de contrato que non garante un salario, nin que traballen todas as xornadas”.

Por iso considera que os datos que se veñen repetindo mes a mes “son moi negativos non que ten a ver co aumento da pobreza laboral, a precariedade e a falta de estabilidade”. Unha pobreza laboral agudizada pola carestía da vida que desde o ano 2021 non deixou de golpear á clase traballadora e polas dificultades para o acceso á vivenda. Situación que “deriva en que hoxe, ter un traballo, non garanta unhas condicións de vida dignas” e polas que “hai tanto malestar no conxunto da clase traballadora”.

González Sío advirte que ese malestar “vai en sentido contrario” á valoración que fan as administracións cada vez que saen os datos do emprego. “Tanto a Xunta de Galiza como o Estado parabenízanse duns datos que nada teñen que ver coa realidade que vive no seu día a día a clase traballadora”.

Baixa a afiliación á Seguridade Social

Canto á caída na afiliación á Seguridade Social o secretario confederal de Emprego subliña que “ese baixón ten que ver cos colectivos máis precarizados, tanto os fixos descontinuos, como o persoal temporal”. Colectivos que considera que, seguramente, serán demandados coa chegada de turistas e o comercio do Nadal.

Un modelo de contratación que, denuncia, “non garante os ingresos necesarios para poder ter unha vida digna” e que “incide nesa precariedade e pobreza laboral”.

Xunto a isto, González Sío valora os datos de contratación do SEPE, nos que se constata como segue habendo un número importante de contratos temporais por circunstancias da produción. “Isto demostra que a patronal perdeu o medo a ese tipo de contratos temporais” que conforman, xunto coas outras modalidades, novas formas de contratación laboral moi precarias.

Por iso conclúe que “a contratación temporal segue estando moi viva e segue sendo unha ferramenta que utiliza a patronal á hora de contratar”.