A CIG alerta da ruinosa xestión de Abante BPO Lugo e demanda o abono inmediato dos salarios
A CIG denuncia a situación de absoluta deriva pola que a empresa Abante B.P.O. Lugo está a pasar nos últimos tempos. Esta empresa, que durante lustros foi referente do sector dos centros de chamadas na cidade, primeiro como Sykes e despois como Abante B.P.O., encontrase actualmente nunha situación de ruinosa xestión cuxos episodios máis graves comezaron no mes de decembro co impago da paga extra, e que agora se agrava co impago da nómina de febreiro.
A pesar das promesas feitas polo suposto novo propietario o pasado mes, asegurando diante do comité que garantía o pago dos salarios mentres estivese á fronte, "a realidade é que a empresa non realizou o abono da nómina de febreiro", advirte o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
A esta situación de extrema gravidade, apunta, súmase unha práctica absolutamente neglixente na xestión "posto que desde a empresa non hai ningunha persoa que serva de interlocutora válida para dar explicacións, deixando nunha absoluta indefensión e precariedade para o persoal". Alerta que se están a xerar problemas económicos dramáticos entre os traballadores e traballadoras, ademais de provocar cadros de ansiedade, nerviosismo e inseguridade, que repercute nun clima laboral absolutamente negativo.
Perda dunha campaña "á mantenta"
Ao deterioro da empresa que se manifesta claramente no impago de salarios hai "que sumar outras decisións de extrema gravidade como é a recente perda dunha campaña da Comunidade Autónoma de Madrid, á que tras o vencemento do contrato, a empresa non se presentou ao novo concurso polo que venceu o pasado 28 de febreiro, e os traballadores/as asignados a esta atópanse sen funcións que desenvolver e sen que a empresa lles dea ningunha resposta sobre o seu futuro, como tampouco informa o comité.
Deterioro que comezou na primavera de 2021
A CIG entende que estamos na fase final dun proceso de descapitalización desta compañía que comezou na primavera do ano 2021 cando a empresa se desfixo das dúas campañas máis importantes que tiña, a de France Telecom (Orange e Jazztel) e a de Ionos 1&1, "condenado a empresa a unha situación de decadencia que ademais se potenciou e agudizou a través dunha xestión neglixente e fraudulenta destinada de forma interesada a conducila cara a unha situación insostible".
Diante disto, a CIG continuaráa demandar da empresa que cumpra coas súas obrigas, tanto a través da vía mobilizadora como na vía legal para reclamar os dereitos dos/as traballadores/as.