A CIG alerta da destrución de case 190 postos de traballo polo desmantelamento dunha subcontrata lusa de Malasa
A Federación de Construción e Madeira da CIG comunica que o polémico empresario portugués Américo José Pinto Da Cunha iniciou o proceso para desmantelar case por completo as empresas Carpintería y Barnizado Real (CBR) e Montajes Nobre, que empregaban até hai pouco a 64 e 118 traballadores e traballadoras, respectivamente.
O secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, explica que estas sociedades, domiciliadas en Cerceda e Vilagarcía, operan exclusivamente como subcontratas dentro de Malasa e, de feito, carecen de instalacións propias fóra das dese grupo de Cerceda, estando domiciliadas nas súas asesorías laborais.
Este proceso levarase a cabo a través do despido de todo o persoal eventual e de diversos ERE e ERTE nas empresas. A intención do empresario "é desmantelar integramente CBR e quedar cun cadro de persoal mínimo en Nobre. Todo isto débese á repentina perda de carga de traballo asignada por Malasa, unha das principais provedoras de carpintarías para tendas retail de INDITEX e doutras firmas multinacionais, e que ten ao mesmo tempo iniciado un ERE para extinguir a case a metade do persoal da fenesa Noa Madera Creativa".
Convites a "permanecer na casa indefinidamente"
A FCM-CIG ten constancia, ademais, de que a un número importante destes traballadores estáselle "convidando a permanecer na casa indefinidamente" coa promesa de retomar a actividade nun futuro, e nun prazo inconcreto, sexa en Malasa ou ben en obras en México. A CIG sospeita que a intención real "é conseguir dar de baixa gratuitamente a boa parte do persoal, sen aboar as indemnizacións preceptivas".
Durante moitos anos, engade Maceiras, "foi moi controvertida a forma que tiña este empresario de operar, rozando o prestamismo ilegal de traballadores e aboándolle aos seus traballadores, nunha gran porcentaxe de procedencia portuguesa, salarios ínfimos por xornadas laborais moi superiores as fixadas legalmente". A dificultade para organizar un persoal tan heteroxéneo e a oposición frontal do grupo Malasa a toda actividade sindical, deixa á maioría destes operarios na indefensión, malia que agora si comezaron a organizarse coa CIG.