A CIG alerta da baixada de calidade dos menús escolares e a redución de produtos frescos pola inflación
A CIG-Administración Autonómica denuncia a rebaixa da calidade dos menús escolares pola inflación. Por iso vén de remitir un escrito ao conselleiro de Educación en demanda de que se revisen e actualicen as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares. Afirma que o gasto que se destina é de aproximadamente 2,30 € por alumno/a e día, que inclúe os produtos de alimentación e limpeza. Un investimento que non se ten actualizado nunca, cando as familias están a pagar 5 euros, máis do dobre do que realmente se esta a investir na alimentación dos seus fillos e fillas.
A CIG-Administración Autonómica considera ademais que ese incremento debe ser de, polo menos, un 20% sobre as contías vixentes, en función do tipo de comedor (A,B,C,D,E,F) e do tipo de alumnado, se son de Educación, Infantil/Primaria ou Educación Secundaria.
Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que teñen un servizo de cociña quente, centralizado, e xestionado directamente polo persoal de cociña, encargados de comedor, máis a dirección dos centros, estanse vendo moi afectados pola inflación.
Lembra que xa os anos de pandemia (Covid 19) tiveron un importante impacto no prezo e aumento do consumo dos produtos de limpeza e desinfección así como nas luvas, bobinas de papel etc.. “A escaseza provocada polo aumento da demanda repercutiu nunha suba moi considerable dos prezos de mercado, sendo estes produtos de uso común no día a día tanto nas cociñas como nos seus respectivos comedores para poder minimizar os riscos en canto a seguridade alimentaria e saúde dos comensais que fan uso deste”, sinala.
Inflación desbocada
Burgos apunta que a inflación que estamos a sufrir desde o curso escolar 2021-22, e que perdura neste curso 2022-23 “está provocando unha alza dos prezos dos alimentos considerados como básicos (grans, verduras, froitas, produtos lácteos e proteínas) imprescindíbeis na dieta diaria para a alimentación do alumnado. Unha suba que afecta especialmente aos produtos frescos”.
Esta situación está obrigando ao persoal de cociña a modificar os menús e, por conseguinte, a reducir a calidade da materia prima empregada para a súa confección, empregando produtos de segunda, terceira e cuarta gama (non perecedoiros) en detrimento de produtos frescos (perecedoiros). “É unha situación moi complicada que produce unha grande carga de traballo e presión no ámbito laboral ao persoal de cociña, ao non ter os recursos de materias primas necesarias para realizar o seu traballo coa calidade profesional que deben mostrar os servizos públicos que se ofrecen”.
Calidade, saúde e necesidades nutricionais
A responsábel da CIG-Administración Autonómica subliña que os menús escolares teñen que ir orientados cara unha alimentación de calidade, saudábel e sostíbel, adaptada ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade. “O xantar é, ademais, a comida máis importante do día, non se pode reducir a calidade dos alimentos para poder manter este servizo”, afirma.
Apunta que unha boa alimentación favorece a saúde, serve de prevención contra moitas enfermidades producidas polo déficit nutricional e é fundamental durante a etapa de crecemento do alumnado.
Por iso, conclúe, é importante que os centros escolares aporten un xantar equilibrado e básico para compensar a carestía da vida das familias e minimizar a repercusión da suba dos prezos na saúde e no rendemento escolar do alumnado. “Na CIG defendemos uns servizos públicos de calidade cunha atención integral en toda a etapa de escolarización na que a alimentación completa e saudábel é parte fundamental e demandamos que, de contado, se actualicen os investimentos para garantila”.