A CIG alegará os mínimos decretados polo concello da Coruña pola folga no elevador panorámico

“Non é un servizo esencial para a comunidade, único suposto que habilita” para limitar a folga
A Coruña - 05 Ago 2021

A CIG vén de anunciar que presentará alegacións aos servizos mínimos decretados polo concello da Coruña pola folga do servizo de mantemento do elevador panorámico do monte de San Pedro. Considera que non se trata dun servizo esencial para a comunidade, que é o único suposto que xustificaría limitar o dereito á folga do seu persoal.

Os tres traballadores da empresa Talent Orbis Maquinaria e Industria acordaron convocar folga indefinida a partir do pasado día 3 de agosto, ás 00:00 horas. En todo caso o día anterior, antes do seu comezo efectivo, presentaron á empresa concesionaria a proposta de  suspendela unha semana, sempre que se retiraran as sancións impostas e se comprometeran a solucionar os problemas de seguridade, en cumprimento estrito da lei, no prazo desa semana.

Polo tanto o elevador podía, segundo explica o responsable de Saúde Laboral da CIG-Coruña, Ernesto López Rei, estar funcionando esta semana “sempre que se comprometeran a cumprir coas cuestións de seguridade que a lei indica e que retiraran as sancións”. Sancións que, matiza, son exactamente iguais para os tres traballadores e que xa nun caso foi revogada polo xulgado do social numero 5 da Coruña.

Xunto a isto López Rei sinala que, ademais, enviaron unha contestación a unha proposta de acordo que remitiu a empresa “onde había temas cos que estabamos de acordo e outros estabamos cerca, mais a día de hoxe non se dignaron a darnos contestación”.

Servizos mínimos

Porén, a pesar destes intentos de dar unha solución ao conflito, a propia empresa concesionaria comunica ao concello a proposta de fixar como servizos mínimos “1 operario de mantemento dous días semanais (luns/xoves ou martes/venres) 3 horas diarias” para a realización de tarefas básicas”.

Talent Orbis Maquinaria e Industria xustifica a imposición de servizos mínimos so pretexto de que, aínda non sendo un servizo esencial “as características da propia instalación precisan e esixen, a pesar de que se produza a interrupción do seu funcionamento, un mantemento que non pode verse interrompido de xeito indefinido, pois poríase en risco a seguridade da propia instalación”.

Alegacións

Para Ernesto López Rei trátase dunha xustificación que carece de aval legal algún. Por iso no escrito de alegacións que teñen previsto presentar lembran que “o único presuposto que habilita á limitación do dereito de folga” é que se trate dun servizo esencial para a comunidade, e tal e como apunta o representante da CIG, “un elevador panorámico non o é”.

Ademais, sinalan que a proposta de servizos mínimos non aclara se o elevador estará aberto ou non de cara ao publico, aínda que entenden “que esas comprobacións de seguridade deben de realizarse sen estar aberto ao público”, nin o horario de prestación deses servizos.

Denuncian que o Concello e a Empresa “son conscientes de que os operarios van traballar sen procedemento de consignación da máquinas que impida unha posta en marcha intempestiva da instalación”, precisamente un dos motivos da folga. Como tamén son conscientes “de que se vai prestar o servizo en altura sen a presenza dun recurso preventivo -outro dos motivos da folga)-.

Por iso apuntan que:

  • “A día de hoxe non existe ningún nomeamento de recurso preventivo.
  • A inspección de traballo no seu criterio técnico 83/2010 deixa plasmado cales son os criterios para o establecemento de recursos preventivos, non cumprindo a empresa ningún deles.
  • A inspección de traballo no criterio referido deixa clarísimo que ninguén pode facer de recurso preventivo de si mesmo
  • A día de hoxe non existe un plan de evacuación, que aínda que existira non sabemos quen ia executar, xa que o propio traballador a evacuar non podería poñelo en marcha, precisamente de aí a importancia do recurso preventivo”.

López Rei sinala ademais que esta folga non se fai para reclamar melloras económicas e sociais, senón “para exixir que se resolvan cuestións de seguridade graves e cesen os atentados contra a liberdade sindical”.

Neste sentido considera que o concello “podería estar máis preocupado pola seguridade dos traballadores que da instalación, xa que os prexuízos para a instalación serían, en todo caso subsanables, pero os prexuízos para as persoas non”.

Por todo isto rexeitan a proposta de servizos mínimos e instan á concelleira Esther Fontán “a que faga o seu traballo e permita que o elevador se poña en marcha de forma segura para os traballadores e o publico en xeral, xa que hoxe non está claro que isto aconteza”.