A CIG-Alcoa advirte que a parada de fundición constitúe un incumprimento manifesto do acordo
A sección sindical da CIG en Alcoa denuncia que a empresa rompeu o acordo laboral ao parar a produción de fundición, xa que esta cuestión foi algo que sempre tivo fóra da mesa. Ademais, malia que xa transcorreu unha semana, a empresa aínda non informou ao comité. Por iso, na xuntanza mantida o pasado venres co director xeral de Industria, a representación da CIG preguntoulle se a Xunta vai tomar algunha medida ou realizar algunha advertencia á Alcoa por este feito.
Neste senso, lamentan que por parte da Xunta non se considere a parada da fundición como un incumprimento de Alcoa e defenden a necesidade de exixirlle á empresa que volva producir fundición "sen máis atrasos". "Esta parada non está no acordo, negar este feito é enredarse con asuntos semánticos ou xurídicos é fechar os ollos ao evidente. O que compre é unidade e que Alcoa escoite de todo o mundo reclamar o arranque inmediato da fundición", valora a CIG-Alcoa.
Sobre o resto das cuestións abordadas na xuntanza, subliñan que a autorización para a DBR está pendente de que Alcoa presente os informes que garantan á administración que a ampliación se vai a facer en cumprimento estrito da lei. En canto á concesión dos parques eólicos, non se agarda ter problema pero, a advirten que "con eles non chega para garantir o futuro de San Cibrao", pois cómpre unha política enerxética do Goberno que facilite unha tarifa eléctrica industrial.