A CIG agarda que a sentenza sobre o plan de liquidación do estaleiro Vulcano reactive o proxecto industrial
A CIG agarda que a recente sentenza sobre o plan de liquidación do estaleiro vigués Vulcano reactive o interese do empresariado que amosara a súa intención de facerse coas instalacións para manter o proxecto industrial. A resolución xudicial establece que a concesión administrativa até 2027 debe de contemplarse na venda da unidade produtiva, ao contrario do que pretendía a Autoridade Portuaria de Vigo.
O responsábel do sector naval da CIG de Vigo, César Rodríguez, salientou hoxe a importancia da Audiencia Provincial de Pontevedra que desestima o recurso de apelación presentado polo Porto contra o plan de liquidación ditado polo Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra.
O organismo que preside Enrique López Veiga argumentaba que coa disolución da empresa a concesión administrativa do espazo quedaba resolta, polo que debía volver ao Porto. En consecuencia, os terreos poderían destinarse a outros usos, como a pretendida ampliación da plataforma para tráfico de mercadorías.
Mais a administración concursal do estaleiro defendía que a concesión tiña que incluírse na unidade produtiva para o seu alleamento, xa que do contrario reduciríase notabelmente o valor das instalacións. “Esta era unha condición indispensábel para que fose viábel unha solicitude formal por parte das posíbeis persoas inversoras, tendo en conta de que no caso de que non se incluíse non sería posíbel a compra dos terreos ao non garantirse o futuro do investimento”, indica Rodríguez.
Depurar responsabilidades
O responsábel sindical fai fincapé na necesidade de que nun momento como o actual, “no que o sector servizos vai quedar tocado por un tempo”, se reactiven proxectos industriais que permitan “unha saída económica e de emprego” para a bisbarra, ao tempo que apela á importancia de fortalecer a industria viguesa vinculada ao sector naval.
Finalmente, reclama que se depuren as responsabilidades pertinentes no consello de administración da Autoridade Portuaria, co seu presidente á cabeza, “polo entorpecemento continuado ao mantemento da construción naval nas instalacións de Vulcano”.