A CIG agarda que a Comisión Galega da Competencia investigue a fondo a conivencia entre Monbus e Alsa para repartir o mercado
A CIG agarda que agora se investigue a fondo, unha vez que así o ordenou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, se realmente existiu conivencia entre Monbus e Alsa para repartirse os contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada e quedar cos algúns dos lotes máis rendíbeis, entre eles a liña Vigo-Ferrol (adxudicada a Monbus) e o metropolitano da Coruña (adxudicado a Alsa).
Denuncia non atendida na Mesa de Contratación
A finais de 2019, antes de resolverse os contratos da segunda fase do Plan de Transporte Público, a CIG xa presentara denuncia na Mesa da Contratación da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade advertindo da existencia dun acordo entre ambas compañías para repartirse varios lotes e evitar así facerse competencia mutua. Porén, a Xunta non atendeu os requirimentos da CIG e continuou coa tramitación das propostas destes grupos empresariais.
Aínda que agora se pretenda pór de perfil, a Consellaría de Mobilidade ten total responsabilidade no que aconteceu, xa que a Mesa de Contratación tiña coñecemento desta práctica empresarial, e tanto a Lei de Competencia como a Lei de Contratos do Sector Público obrigan a administración a denunciar cando existen indicios de actuacións fraudulentas. Pero a Xunta nin investigou a denuncia da CIG nin iniciou proceso de denuncia.
Denuncia na Comisión Galega da Competencia
Unha vez licitados os contratos, a central nacionalista dirixiuse á Comisión Galega da Competencia para que investigara ese acordo entre ambas empresas para repartirse o mercado. O órgano contestou meses despois pechando o expediente porque non vía indicios da existencia de prácticas anticompetencia. Nese momento, a CIG tivo coñecemento de que había outras tres denuncias por estes mesmo feitos que tamén foran rexeitadas.
Agora, anos despois e cun sector sumido no caos, o propio TSXG ordénalle á Comisión Galega da Competencia que abra un expediente sancionador a Monbus e Alsa e investigue o que no seu día no quixo investigar.
Denuncia contra Monbus por posición de dominio
Doutra banda, salientar que a CIG ten presentada denuncia pola posición de dominio de Monbus no mercado galego do transporte de viaxeiros/as por estrada, xa que esta empresa está presente no 75% das UTE adxudicatarias de contratos de Mobilidade e no 50% dos contratos da Consellaría de Educación. Ademais, foi adxudicataria de todas as estacións de autobuses que saíron a concurso nos últimos dous anos, e mantén tamén contratos co SERGAS, o Consorcio de Benestar ou a Secretaría Xeral de Xuventude.
Mais desta denuncia a central nacionalista non recibiu aínda contestación por parte da Xunta de Galiza.
Cómpre subliñar que en Aragón, Monbus tentou pór en práctica a mesma manobra de presentarse ás ofertas en UTE pero o Goberno autonómico non llo consentiu por entender que supuña unha fraude. Mentres, en Catalunya, a empresa de Raúl López ten dúas causas penais abertas.
Un sector precarizado mentres a Xunta mira para outro lado
A CIG leva anos denunciando a posición de dominio de Monbus no mercado galego, as prácticas que utiliza para tal fin e o deterioro que, a consecuencia desta situación, sufriu tanto servizo de transporte en autobús (nunca tantas queixas houbo das persoas usuarias) como as propias condicións laborais dos traballadores e traballadoras.
Por iso, o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, fai unha valoración positiva da resolución do TSXG "e que por fin se poña algo de cordura no sector para intentar reverter a peor situación que vive na súa historia". Para Pastoriza resulta incríbel que a Xunta de Galiza permita, promova e ampare estas actuacións empresariais cando estamos falando dun sector estratéxico para o noso país, dada a organización territorial de Galiza e a dispersión da poboación.
A este respecto, agarda que a resolución do alto tribunal galego sirva tamén como toque de atención ao Goberno galego para que abandone a súa política de protección a Monbus e deseñe un novo plan de transporte que realmente atenda as necesidades de mobilidade do pobo galego.