A CIG-AEAT cuestiona que o Goberno español pretenda mandar máis buques obsoletos para a Vixilancia Aduaneira en Galiza

Recalcan que os condicionantes da costa galega “exixen medios modernos e nos barcos que chegan xa coa vida útil vencida”
Nacional - 18 Nov 2025

A representación da CIG na Axencia Tributaria critica a precariedade de medios do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) en Galiza e que, nunha resposta parlamentar, o Goberno español dea por boa a actual dotación de  buques das bases galegas, anunciando como un reforzo traer outra patrulleira de máis de 20 anos.

A CIG cuestiona que o Executivo español asegure que o SVA se verá “reforzado” coa incorporación de tres buques. Concretamente, o Goberno español di que destinará a Muros o “Gavilán I”: unha lancha de 14 metros na que tan só poden ir tres persoas, sen persoal de máquinas, obrigando a facer navegacións de tan só unha hora, cunha configuración que fai que non sexa operativa para facerse á mar con mal tempo.

As outras dúas embarcacións que di que traerá a Galiza son unha semi-ríxida e mais o Colimbo I, unha embarcación fabricada nos últimos anos da década de 1990. Segundo o Executivo español, estes barcos e mais dúas interceptadoras de Marín e Vilagarcía, e as tres patrulleiras de altura da Coruña, Vigo e Ribadeo son abondo para Galiza.

Exposición a riscos innecesarios 

“Tanto este Colimbo como o X Aniversario que ten Ribadeo como base compartida son buques cuxa vida útil está esgotada e isto supón non ter prestacións para operar con solvencia no mar galego, ademais de expor as tripulacións a riscos completamente innecesarios- o que acontece mentres a AEAT e o Goberno español se resiste a declarar o SVA como profesión de risco”, critica a representación da CIG.

Insisten en que “os condicionantes da costa galega exixen buques modernos, e non que se trasladen a Galiza os barcos que se dan de baixa noutras bases do Estado e que chegan xa coa vida útil vencida”. Neste senso, afirman que “a chatarra non é segura para combater o narcotráfico na costa galega” e advirten “do perigo que supoñen estes barcos para o traballo do SVA na nosa costa”.

A central sindical cuestiona “a intención do Goberno español e mais da AEAT de converter novamente as rías galegas en punto de amarre para barcos obsoletos que non se queren noutras bases do Estado”.

A este respecto, subliñan que Galiza segue sen unha flota en condicións para que o SVA poida cumprir co seu cometido e, en consecuencia, coa negativa a dotar de buques axeitados para traballar na costa galega, “estase abrindo de par en par a porta atlántica á entrada de droga ao Estado español”.