A CIG advirte do avance da precariedade porque “de nada vale un cambio de goberno se non hai cambio de políticas”
No mes de xuño asináronse en Galiza 103.670 contratos de traballo. Porén todo ese volume de contratación só se traduciu nunha redución do desemprego de 6.631 persoas. Un descenso de carácter puramente estacional que, nesta ocasión, foi mesmo menor que en anos anteriores. Isto denota, para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, o “grave avance da precariedade no noso país, cun cada vez maior deterioro do noso mercado laboral no que á temporalidade, hai que lle engadir os baixos salarios e a perda de dereitos laborais e sociais”. Unha situación que, conclúe “impide ver a luz a final do túnel”.
Para Cartelle o máis grave é que nada permite albiscar un cambio nesta situación, máis logo de que o goberno do PSOE avanzara que non se poden derrogar as reformas laborais que foron, precisamente, as que favoreceron o actual estado de deterioro das condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. Por iso asegura que “de nada vale un cambio de goberno se non hai cambio de políticas”.
Así as cousas hai 170.065 persoas desempregadas en Galiza, un 3,75% menos que o mes anterior e o 10,33% menos que no mesmo mes do ano pasado. Descensos que se corresponden fundamentalmente co sector Servizos, no que se rexistraron 4.682 persoas desempregadas menos. Constátase así o carácter estacional da contratación que se relaciona directamente co período estival e co adianto das rebaixas de verán.
Con todo apréciase unha importante ralentización respecto do ano anterior cando, no mesmo mes de 2017, descendera un 5% (este ano o 3,75%). Unha situación que se repite en todos os sectores, incluídos Servizos e Construción, que son nos que adoita crearse máis emprego durante o verán.
Medran os subsidios e descenden as prestacións contributivas
Ao deterioro no mercado de traballo hai que lle engadir o deterioro parello nas prestacións por desemprego. Por quinto mes consecutivo hai un descenso na porcentaxe de parados/as que perciben algún tipo de prestación, situándose esta, no último mes, no 47,3%.
Ademais os subsidios continúan superando as prestacións contributivas, até o punto de que neste último mes é a máis baixa dos últimos anos, o que leva ao secretario confederal de Emprego a concluír que “xunto co descenso da porcentaxe de parados que perciben prestacións hai un empobrecemento dos que si perciben”.
Cartelle atribúe novamente esta situación ás políticas económicas e laborais do PP que o PSOE, lonxe de mudar, xa anunciou que mantería coa complicidade de CCOO e UGT, que agora se prestan mesmo a desenvolver esas reformas coa sinatura coa patronal do IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva.
Fronte a isto, o secretario confederal de Emprego ten claro que a situación da clase traballadora galega só mellorará se se “retiran as reformas laborais e de negociación colectiva”. A iso empraza ao goberno de Sánchez, mais tamén a “mudar as políticas laborais e económicas e articular medidas de protección social que realmente dean cobertura á situación de abandono que padecen as persoas desempregadas”.