A CIG advirte dos incumprimentos no reparto do correo en Ferrol pola falta de persoal
Traballadores e traballadoras de Correos mobilizáronse coa CIG esta mañá diante da oficina principal de Ferrol para demandar un reforzo do persoal que permita prestar o servizo adecuadamente e sen sufrir "a brutal carga de traballo que nos está obrigando a asumir". Ese exceso de traballo está provocado polo recorte na contratación en Correos e leva a que os traballadores e as traballadoras en activo "ademais das nosas zonas de reparto, teñamos que asumir, a maiores, as zonas que quedan sen repartir".
A delegada CIG en Correos, Sandra Otero, explica que a día de hoxe en Ferrol hai 7 seccións de reparto sen cubrir. "A carga de traballo excesiva á que estamos sometidos os traballadores e as traballadoras está afectando seriamente á nosa saúde", denuncia. Así, nestes momentos hai catro compañeiros/as de baixa por trastornos músculo-esqueléticos, "e esta situación é unha constante (estorzóns, lumbalxias, contracturas musculares etc), sendo o trato de Correos cara ao persoal absolutamente degradante e incumprindo totalmente as obrigas empresariais de prevención de riscos, ao ser manifestamente deficiente a organización e as condicións de traballo".
Pola súa banda, a empresa xustifica estes recortes pola caída da actividade no sector postal tradicional, esquecendo o incremento da paquetería (entre un 50 e un 200%), sobre todo nestes tempos de pandemia, ou da correspondencia certificada (que medrou nun 500%).
En moitas ocasións quenda barrios sen repartir
Otero subliña que, por non dotar as oficinas do persoal suficiente, Correos está a incumprir sistematicamente nesta comarca a súa obriga -como prestador do Servizo Postal Universal- de repartir a correspondencia, cando menos cinco días á semana. De maneira que en moitas ocasións quedan barrios sen reparto "o que dificulta enormemente o correcto desempeño do noso traballo e un grave deterioro do servizo que se lle presta á cidadanía . Non hai máis que ver as interminábeis colas nas oficinas para tramitar ou recoller un envío, para darse conta do deterioro do servizo postal, debido á falta de persoal".
Lembra que dende o inicio da pandemia da Covid-19, Correos foi nomeado como servizo esencial "e prestamos os nosos servizos na rúa diariamente asumindo o correspondente risco para a nosa saúde". De feito, apunta que Correos foi, na primeira vaga, o segundo sector con máis contaxios, despois dos/as profesionais da saúde.
"Realizar o noso traballo, coñecendo o risco ao que estabamos expostos todos os días, supuxo un sobre esforzo para todos os traballadoras e traballadores, que nunca foi recoñecido nin retribuído por Correos. O único agradecemento que tivemos da empresa foi o aumento da carga de traballo que temos que asumir polos recortes na contratación, demostrando así a empresa un desprezo absoluto polo seu persoal", conclúe.