A CIG advirte do preocupante cambio de tendencia no emprego, menos estable e máis precario
O mes de maio rematou en Galiza con 134.434 persoas desempregadas, 4.909 menos que no mes de abril (-3,52%). O secretario confederal de emprego, Francisco González Sío apunta que os datos son, pois, “positivos”. Porén, lamenta que aínda que se está creando emprego este é “precario e case na mesma situación que anterior á reforma laboral”.
Neste sentido, analizando os datos de afiliación apunta que “hai un cambio de tendencia na contratación que agora xa non é conxuntural, senón estrutural” porque confirman que o que se incrementan son os contratos fixos descontinuos, que subiron un 6% na afiliación á Seguridade Social, e os temporais, que medraron un 3%.
Medre da contratación a tempo parcial
Tamén hai un medre dun 0,4% do número de traballadores e traballadoras con contratos a tempo parcial. Unha porcentaxe que leva a González Sío a concluír que “cada vez os traballadores indefinidos a tempo completo son unha excepción e non a regra”, o que se reflicte nos datos de afiliación, porque “apenas representan o 25% da nova afiliación no réxime xeral do mes de maio”.
O secretario confederal de Emprego lembra que a CIG vén advertindo desta circunstancia desde hai moito tempo, mais subliña que agora xa non é só a central sindical, porque “a propia OCDE di que as entradas e saídas do traballo non variaron respecto da situación anterior á reforma laboral”.
Isto lévao a concluír que “o único que houbo aquí foi un cambio de nomenclatura á hora de definir os contratos” mais que “a situación que viven as traballadoras e traballadores, de entradas e saídas do mercado de traballo, tal e como se producía antes cos contratos temporais, segue estando igual mediante os contratos a tempo parcial e os contratos que son fixos descontinuos.
A este respecto sinala que hai 152.000 persoas con contratos baixo estas modalidades, mentres que os contratos a tempo completo son 458.000. “Polo tanto, un 25% da contratación indefinida xa está parcializada e isto vai medrando, como vemos, de forma continuada”.
A isto engade que, tal e como se recolle nos datos do SEPE, o sector que máis crece é o sector Servizos, onde está xa un 75% do emprego. Por iso conclúe que a maioría da poboación desenvolve a súa actividade laboral no sector con modalidades contractuais “máis precarias e máis temporais, condicionadas polo turismo”, ao que engade que, ademais “son as actividades laborais temporais as que están medrando”, polo que estamos diante dun emprego que “non é estable e si precario”.